Por E.P. | PONTEVEDRA | 09/12/2017 | Actualizada ás 17:58
Máis de 300 persoas participaron este sábado na cadea humana convocada pola Asociación pola Defensa da Ría (APDR) de Pontevedra para esixir ao Goberno galego que non conceda a Autorización Ambiental Integrada (AAI) a Electroquímica do Noroeste (Elnosa).
Na protesta, o presidente da APDR criticou que o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurase que "se vai a aprobar si ou si", cuestión que considera "un acto de prepotencia a nivel democrático" posto que "se trata dun expediente administrativo que ten o seu curso e está regulado".
Precisamente, en contra desta actitude do Goberno galego, os participantes no acto reivindicativo portaron senllas pancartas nas que se puido ler Non á continuidade de Elnosa na ría. Ademais, os asistentes colocaron nas súas caras caretas estampadas cunha máscara de gas e un molusco contaminado e mostraron lemas coa mensaxe "2018? Agora!.
Entre os asistentes destacou a presenza do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, varios concelleiros do BNG de Pontevedra, e a deputada de En Marea no Congreso, Ángela Rodríguez.
PROTESTA ANTE A DELEGACIÓN DA XUNTA
Despois de formar a cadea humana e corear lemas contra a presenza de Elnosa na ría, os participantes na protesta concentráronse ante a Delegación da Xunta en Pontevedra, onde Antón Masa presentou un escrito dirixido á Dirección Xeral de Calidade Ambiental.
A través deste documento, Masa asegurou que "non procede continuar co procedemento da AAI" porque en caso de aprobación "estariase a conceder unha prórroga encuberta da concesión administrativa" dos terreos de dominio público marítimo-terrestre que finaliza o 29 de xullo de 2018.
"Continuar máis aló desa data sería convertela nunha concesión privada para esa empresa", advertiu Antón Masa, que apelou ao cumprimento "da lei, a racionalidade e os desexos da inmensa maioría da poboación".
Desde a APDR denunciaron que existe "moito segredo" por parte de Costas sobre a resolución do expediente de caducidade da concesión e advertiron de "irregularidades" na tramitación da AAI por parte da Xunta.
O PAZO DE LOURIZÁN
Ademais, Masa comparou a actitude de Alfonso Rueda ante a situación de Elnosa coa oferta que o propio vicepresidente da Xunta lle trasladou á Deputación de Pontevedra de financiar a restauración do Pazo de Lourizán con fondos achegados pola empresa Ence. "Que deixe de actuar como recadero de Ence e Elnosa", sinalou o presidente da APDR.
Desde o colectivo ecoloxista volveron a rexeitar esa posibilidade porque, aínda que "hai que arranxalo", Antón Masa propuxo que "se a Xunta non o fai", que sexa a Deputación de Pontevedra a que asuma esa actuación. "E se fai falta un peditorio popular, todos achegaremos, pero non para Ence, senón para uso e goce da cidadanía", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.