Por Galicia Confidencial | Vigo | 13/12/2017 | Actualizada ás 17:38
A socialización da programación chega a Galicia. Será grazas a distintas actividades programadas dentro da coñecida como Hora do Código e nas que colaborará o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) na Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) da Universidade de Vigo, Campus de Ourense, e na Facultade de Informática (FIC) da Universidade da Coruña.
As actividades previstas nos centros universitarios desenvolveranse coa participación de voluntarios do CPEIG. Persoas colexiadas impartirán tamén, a título individual, charlas en centros educativos en Galicia ao longo da presente semana.
O proxecto “Hour of Code”, “Hora do Código”, que se celebra este sábado 16 de decembro, está impulsado pola entidade estadounidense Code.org, e ten coma obxectivo o de ensinarlles programación e as bases da Informática ás nenas e nenos partindo de titoriais básicos dunha hora de duración.
O obxectivo da iniciativa é estender os coñecementos de ciencias da computación aos máis pequenos e pequenas para que coñezan os conceptos e o mundo no que viven, unha realidade na que a tecnoloxía está cada día máis presente en todas as facianas, desde o ocio á educación.
ACTIVIDADES
Por iso, a Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) de Ourense organizará unha xornada o sábado día 16 en horario de mañá con máis de 300 prazas dirixidas a rapaces de 6 a 18 anos de idade. Entre os obradoiros previstos están os de “Iniciación á programación”, “Iniciación á programación con Scratch”, “Iniciación á programación de dispositivos con Arduino”, “Rapazas nas TICs, iniciación á programación de dispositivos”, “Coñece a impresión en 3D”, “Coñece os Drons”, “Outra Vida do Hardware” e “Crea o teu mundo- Realidade Virtual”.
Pola súa banda, a Facultade de Informática da Universidade da Coruña tamén prevé obradoiros de programación para o vindeiro sábado a partir do mediodía, dirixidos a nenas e nenos de entre 8 e 14 anos de idade.
Os requisitos para participar son a inscrición previa e que vaian acompañados por un adulto responsable, ademais de levar unha tableta ou ordenador. No caso de non dispoñer deses dispositivos, a FIC emprestaralle un a quen o precise. Máis información e inscrición: www.horadocodigo.gal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.