Mais non se pode ser equidistante. O Govern e os partidos e organizacións cívicas soberanistas limitáronse declarar o 27-O a independencia de xeito simbólico, renunciando á desobediencia pacífica fronte o golpe inconstitucional do 155. Nin houbo violencias nin rebelións nin sedicións. As sucesivas demostracións cidadás foron sempre pacíficas.
Máis do 70% da cidadanía catalá quería votar para decidir o seu futuro, mais o Goberno do Estado pechou, canda C’s e PSOE, todas as vías de diálogo. Certo que non se daban as condicións para un referéndum decisorio, mais o mundo soberanista tentou ese pacto até o mesmo 1-O. Ese día o Ministerio do Interior reprimiu violentamente a milleiros de pacíficos cidadáns, que querían votar, diante do mundo todo.
No 3-O o Xefe do Estado marcou o sinal do rearme españolista: nin desculpas, nin diálogo nin negociación. Dende esa data o rearme e agresividade do nacionalismo español é evidente. Vivimos tempos de “a por ellos” e non só na Catalunya ou Madrid, malia que no noso País percébamolo, por sorte, moito menos.
Dous terzos do Govern foron apreixados, canda os Jordis e o resto tivo que se exiliar. Faláronos, claro, da independencia dos Tribunais, mais a propia vicepresidenta Sainz de Santamaría, amáis de defender a liquidación do soberanismo, ven de recoñecer esta falla de independencia no Supremo e na AN: cómpre agradecerlle a Rajoy o 155, porque así conseguiuse descabezar aos soberanistas. Verdadeiramente ten razón, os principais candidatos de Junts per Catalunya e de ERC remanecen no cárcere ou no exilio e non poden partillar debates, encontros nin entrevistas face to face. A desigualdade de oportunidades é evidente, mentres Pep Borrell (PSC) corrixe Miquel Iceta e dí que cómpre desinfectar Catalunya.
Dende o discurso de El-Rei o nacionalismo español rearmouse sen complexos, escollendo un camiño de represión e agresividade propio dos valores da extrema dereita. Mais estas exhibicións fachendosas poderían ser sinal de febleza antes ca de forza.