Os xulgados, desbordados polas demandas de cláusulas solo

Galicia rexistra case 6.200 reclamacións nos últimos sete meses polas cláusulas solo. Novo plan do CGPJ, polo que os xulgados especializados terán competencia exclusiva e incrementarase o número de xuíces.

Por E.P. | Compostela | 28/12/2017 | Actualizada ás 14:51

Comparte esta noticia

Os xulgados con competencias para tramitar os casos de cláusulas solo en Galicia rexistraron desde o 1 de xuño e até o 24 de decembro a entrada dun total de 6.151 demandas, das que 2.462 corresponderon á provincia da Coruña, 2.815 á de Pontevedra, 572 á de Ourense e un total de 302 á de Lugo, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Pazo de Xustiza na Coruña, sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia
Pazo de Xustiza na Coruña, sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia | Fonte: Caronium en Wikipedia.

Estes datos fixéronse públicos coincidindo coa aprobación, por parte do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ), dun novo plan sobre cláusulas solo para 2018. En aplicación do mesmo, os xulgados especializados terán competencia "exclusiva e total ou parcialmente excluínte para coñecer destes asuntos".

No caso da provincia da Coruña, será o Xulgado de Primeira Instancia número 7, na de Lugo o Xulgado de Primeira Instancia e Mercantil número 2 e na de Pontevedra o de Primeira Instancia número 14. En Ourense, corresponde ao Xulgado de Primeira Instancia e Mercantil número 4 "nos mesmos termos que o veu desenvolvendo". "A partir do 31 de xaneiro de 2018, corresponderá ao Xulgado de Primeira Instancia número 7 de maneira exclusiva e excluínte".

NOVO PLAN DO CGPJ

O novo plan substitúe ao que se puxo en marcha o pasado 1 de xuño, que consistiu na especialización dun total de 54 xulgados de Primeira Instancia que no últimos sete meses trataron estes asuntos, que se refiren, entre outros, a cláusulas solo, vencimiento anticipado, intereses moratorios, gastos de formalización de hipoteca ou hipotecas multidivisa.

Segundo o CGPJ, as medidas previstas agora responden "á evolución que seguiron estes asuntos -que a data de 17 de decembro arroxa un total de 156.862 demandas en todo o territorio nacional-, que en caso de non atribuírse a órganos especializados suporía unha carga inasumible para o resto dos xulgados".

A iso, engade a próxima entrada en funcionamento de 77 xulgados creados e constituídos en 2017 e a análise da carga de traballo que tiveron os órganos xudiciais especializados, "que até agora coñeceron destes asuntos de maneira exclusiva e non excluínte", lembra.

Co novo plan, o número de xuíces que coñecerán deste tipo de demandas incrementarase en case medio cento, xa que até agora os titulares dos órganos especializados atendían a repartición ordinaria, mentres os reforzos que constituían os denominados "Xulgados bis" tramitaban as demandas sobre cláusulas solo.

Tamén aumentará a cifra de letrados da Administración de Xustiza dedicados a esta materia. O plan establece, así mesmo, que Xulgados terán competencia exclusiva e excluínte, mentres que noutros órganos serán as Salas de Goberno dos respectivos Tribunais Superiores de Xustiza as que determinen o grao de exención de repartición ordinaria.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta