Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 02/01/2018
Xa que logo, unha persoa afouta non é temeraria, porque dirixe a súa acción consciente deses perigos e non enfronta o que non pode conlevar. A afouteza é un concepto proactivo, moito máis aló da reactiva teimudez que, porén, poderá constituir unha das cualidades da persoa afouta en varias das etapas da súa acción.
A seguridade en si propio da persoa afouta esixe sabermos quen somos, de onde vimos e onde imos. É esa seguridade a que fai posíbel actuar con consciencia e xestión dos perigos e dificultades, mais sen amedoñarmos por eles, sen que a dificultade da tarefa nos faga recuar.
Os pobos, as nacións, como entes colectivos tamén precisan de afouteza. Precisan saber onde veñen, o seu pasado, e onde queren ir e precisan de seguridade en si propios. E a seguridade dunha nación esixe sempre a súa autonomía, o seu self government: pouco pode dar Galicia no contexto estatal, europeo e universal senón é consciente da súa identidade, coñecedora do seu pasado e autónoma á hora de decidirmos o futuro.
Un pobo será afouto se vive nos valores cívicos e democráticos e produce politicos con data de caducidade e suxeitos á revogación cidadá que sexan quen de tecer consensos, propór obxectivos e pór os intereses colectivos diante dos individuais. Unha nación é afouta cando é maior de idade para rachar co dependentismo e comprende que require no mundo de socios, mais non de titores. Un país é afouto cando sabe construir relacións permanentes de comunidade con outros países dende a igualdade, o compromiso e a voluntariedade.
Si, é ben significativo que a verba máis votada da lingua galega este ano fose afouteza. Sen dúbida os seus votantes, coma centos de milleiros de galegos, estaban a formular a súa arela dun País próspero e seguro de si. Un País autònomo, aberto ao mundo e solidario.