2018, ano para reivindicar Galicia como espazo de protección da toniña

A Cemma inicia unha campaña para concienciar a sociedade galega do risco de desaparición desta especie e sumar esforzos para a súa conservación.

Por Galicia Confidencial | Nigrán | 02/01/2018 | Actualizada ás 13:45

Comparte esta noticia

Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) pon en marcha unha campaña de educación ambiental para concienciar aos galegos da necesidade de conservación da toniña (Phocoena phocoena), comezando por declarar 2018 como Ano da Toniña.

Toniña morta
Toniña morta | Fonte: CEMMA.

Ao longo do ano a Cemma irá publicando nas redes sociais información divulgativa sobre os diferentes aspectos da eco-bioloxía desta especie e preparará material documental e divulgativo sobre a mesma, coa finalidade de que poida ser coñecida por toda a sociedade galega.

"A toniña é unha especie que está nunha difícil situación de conservación: os seus efectivos están moi minguados, a súa taxa de reprodución é baixa e as ameazas son cada día maiores sobre esta especie", alertan desde a Cemma.

Ademais, "é unha grande descoñecida", xa que, "ao contrario que os golfiños e arroaces que se achegan a nadar á proa dos barcos, a toniña é un cetáceo moi reservado e discreto, fuxe do ruído e das embarcacións, o que fai máis difícil a súa detección e monitorización", explican os biólogos.

A toniña, Phocoena phocoena, é a especie de cetáceo de menor tamaño de todas as que están presentes no Hemisferio Norte. Na costa atlántica oriental distribúese dende as augas circumpolares (Mar de Barents), ata a costa senegalesa africana. No Mediterráneo está considerada extinguida. Por isto, a poboación que está presente nas augas da Península Ibérica resulta de especial singularidade.

Co nome de toniña meridional, P. phocoena meridionalis, denomínase ao ecotipo das toniñas que están presentes nas augas da Península Ibérica, téndose comprobado xeneticamente que constitúen un núcleo poboacional diferente a calquera outra poboación de toniñas do mundo. As toniñas Ibéricas están máis emparentadas coas que viven no Mar Negro que coas do norte de Europa, polo que deberon formar parte dunha antiga poboación que, no pasado, se extendeu por todo o Mediterráneo e norte de África.

As toniñas meridionais Ibéricas son máis grandes que as do norte de Europa, o que acrecenta a súa singularidade, subliña a Cemma.

EN RISCO DE DESAPARICIÓN

En Galicia é unha especie considerada común, mais pouco frecuente. Rexístrase no 5% dos varamentos, e as observacións da especie non chegan ao 10% dos avistamentos totais de cetáceos.

Con todo, a costa de Galicia é unha área fundamental para a conservación da especie, pois aquí se rexistra o 80% dos varamentos e o 90% dos avistamentos da especie a nivel de toda a costa española.

"Non podemos, e sobre todo non debemos, deixar pasar a oportunidade de traballar pola recuperación da toniña, para impedir que entre no escuro catálogo da extinción. Sabemos que cada día que aparece unha toniña varada morta nunha praia estamos máis lonxe de conseguilo, sabemos que vai custar moito poñer en marcha medidas de conservación, mais, ou asuminos como sociedade galega este reto, ou a toniña desaparecerá das nosas augas nun par de décadas. Non o consintas", advirte a Cemma.

O certo é que as augas de Galicia e Portugal poden ser claves para a conservación da toniña (Phocoena phocoena) no Atlántico oriental, polo que se facía necesario un debate transfronteirizo para abordar este asunto. Equipos que estudan os cetáceos en ambos os dous países compartiron así espazo entre o 4 e o 5 de decembro no III Workshop Internacional do proxecto LIFE+MarPro “Management Plans for Marine Protected Areas”, co fin de debater propostas enfocadas a poñer en marcha accións para a conservación desta especie

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta