Por Juan Carlos Piñeiro | Burela | 09/01/2018
A debilidade do PP, vestida de firmeza á hora de actuar en Cataluña, tiña que ser a oportunidade para reclamar máis competencias e maior autogoberno para Galicia. Tendo claro que o Presidente Apoucado non o ía facer, tiña que ser ese autonomeado “grupo confederal” de En Marea o que fose digno coa nosa Terra apertando cos seus deputados ó PP de Rajoy e pactando solucións como fan outros. Pero non é, é seguidista da acción da Complutense, e por riba covarde.
Estou seguro de que Mariano está a gozar desta lexislatura, os únicos capaces de ver a súa debilidade son o PNV e os canarios e ben que lles vai. Rajoy está curtido en mil e unha batallas: dende o PP galego ata o Estatal, sabe moi ben onde atacar para que todos bailen ó seu son, a experiencia fai que sexa o rei nun reino de cegos e covardes.
Agora, coa negociación dos orzamentos, era o momento de tirar a mochila, o momento de rachalo todo e de negociar co PP, máis e mellor calidade de vida para os galegos e galegas poñer os votos de En Marea a favor da Galicia non é un delito, a política consiste en facer o mellor para a xente. Pero para iso non se pode ter complexo nin render pleitesía á Complutense. En que se diferencian a C´s ou PSOE? Non vexo eu que os canarios se lles caia a xente e moito menos os vascos. Acaso ser un grupo confederal non da autonomía nas decisións? Acaso non é o PP o que ten a opción de goberno?
O problema é que ninguén entendeu, ou quixo entender, o mensaxe da xente, o mandato das urnas. Que non é outro que se negocie, por certo tampouco o PP, espero que o resultado catalán lles sirva de bálsamo educativo.
Para min ten máis pecado aínda en aqueles que viñan a mudalo todo, a cambiar as formas, a facer nova política, eu pregunto: onde está a nova política? Espero que os galegos e galegas que acreditaron en esta candidatura, para ter un grupo galego, tomen boa nota e pidan responsabilidades, máis por desgraza a min venme á cabeza aquilo de “Deus da pan a quen non ten dentes”.
Mentres Rajoy, dende a súa experiencia, ri da acción política do grupo galego en Madrid, non está tan contento cando se enfadan os vascos ou canarios. Que oportunidade perdida, cantas cousas en xogo, canta ilusión perdida. Ó final de que sirveu?.