Un galego nos Oscar

O pianista e compositor Nani García é autor de parte da banda sonora do filme chileno ‘Una mujer fantástica’, nominado a mellor película en lingua estranxeira nos premios de cinema estadounidenses.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 23/01/2018 | Actualizada ás 18:57

Comparte esta noticia

O pianista e compositor Nani García é o responsable de parte da banda sonora do filme chileno ‘Una mujer fantástica’, que vén de ser nominado a mellor película en lingua estranxeira dos Oscar de Hollywood. Dirixida por Sebastián Leilo e protagonizada por Daniela Vega, ambos os dous chilenos, a película competirá por unha estatuíña con ‘On Body And Soul’ de Hungría, ‘The Insult’ do Líbano, ‘The Square’ de Suecia e ‘Loveless’ de Rusia. 

Nani García trío.
Nani García trío.

Nani García (A Coruña, 1955) é un compositor, músico e produtor musical que comezou a súa formación musical en composición e jazz en Suecia entre os anos 1976 e 1980, ao tempo que cursou estudos de lingüística nas Universidades de Upsala e Estocolmo.

Ao seu retorno a Galicia formou parte dos diversos grupos de jazz da época. Fundador do grupo Clunia a principios dos anos 80 a súa carreira comezou como pianista de jazz, actividade que mantivo alternando coa súa faceta de compositor. Solista, produtor musical, adaptador e compositor, conta cunha longa experiencia nos diversos formatos do medio audiovisual (anuncios, tele series, video exposicións). 

É autor de bandas sonoras para longametraxes de animación e ficción, obras de teatro, curtametraxes, programas de televisión... Conta con máis de 100 publicacións entre obras de jazz, producións audiovisuais e producións para outros artistas. O seu selo persoal queda plasmado en obras do cine de animación como 'De Profundis', 'Engurras' ou a recentemente multigalardoada curtametraxe de animación 'O Xigante', o cal o sinala como un dos especialistas no xénero, ademais de series como ‘As leis de Celavella’ ou ‘Pratos combinados’.

Ten colaborado con múltiples artistas de todo o mundo, como Jorge Pardo, Maria Joao, Mario Laginha, Baldo Martínez, Tom Gullion, Perico Sambeat, Kenny Wheeler, Pablo Milanes, Mathew Simon, Paolo Fresu, Ainhoa Arteta, Amancio Prada, Michael MacGoldrick, Dulce Pontes, Tom Gullion, Karen Mathesson, Paco Charlín, Alfonso Moran, Victor de Diego ou Tom Hornsby.

CONCERTO NA CORUÑA

Nani García, ao piano, ofrecerá o sábado 3 de febreiro un concerto co seu trío —xunto con Simón García (contrabaixo) e Miguel Cabana (batería)— acompañado polo Quinteto Cimarrón para presentar o seu último disco, ‘Cinematojazzía’, no que recupera para os terreos da improvisación jazzística composicións súas que apareceron en distintos filmes, series de televisión e obras de teatro. 

Este proxecto explora de forma moi concreta o “melting pot” resultante da mestura de melodías de autoría propia, extraídas de bandas sonoras ou partituras escritas orixinalmente para teatro ou televisión, postas no contexto jazzístico sen renunciar á emocionalidade que supón o acompañamento sempre expresivo da corda tan afín ao mundo do da música no audiovisual. As estructuras melódicas e os arranxos de corda para cuarteto convocan unha atmosfera diferente e moi suxerente ao servizo da improvisación.

O repertorio de Nani García Trío é unha mestura de antigos temas, retallos de bandas sonoras e outras composicións de Nani reformuladas en clave de jazz, así como pezas totalmente novas. Todo coa firma inconfundible do propio compositot galego, unha das figuras máis destacadas da nosa música como compositor, intérprete, arranxista e produtor de todo tipo de formatos e xéneros contemporáneos e de vangarda. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta