Por Galicia Confidencial | O Grove | 01/02/2018 | Actualizada ás 15:43
Todo un espectáculo da natureza. centos de golfiños comúns (Delphinus delphis) foron gravados durante esta semana mentres se alimentaban en augas da ría de Arousa.
As imaxes foron tomadas polos científicos do BDRI (Bottlenose Dolphin Research Institute), con base no Grove, nunha das súas habituais saídas para o estudo destes animais. Para os investigadores trátase dun fenómeno "raro", xa que non é o habitual atopar tal concentración de golfiños na ría buscando ao mesmo tempo alimento.
O número de golfiños en augas de Galicia mostrou nos últimos dez anos un incremento medio de aproximadamente un 9,6% ao ano, segundo un recente estudo sobre a poboación do Delphinus delphis en augas galegas, realizado por investigadores do Centro Oceanográfico de Vigo e o de Málaga, do Campus do Mar da Universidad de Vigo, do Southwest Fisheries Science Center do National Oceanic and Atmospheric Administration (NOAA) en California, do centro tecnolóxico AZTI-Tecnalia do País Vasco, do CSIC en Vigo, do Oceanlab da Universidade de Aberdeen (Escocia) e do Centro de Estudos do Ambiente e do Mar (CESAM) da Universidade de Aveiro, en Portugal.
As estimacións dos científicos cifran en 12.831 exemplares a abundancia media de golfiños en augas de Galicia para o período de estudo, entre 2007 e 2016, sendo o valor estimado do primeiro ano de 8.183,2 golfiños e a abundancia do décimo ano de 17.961. A tendencia axustada mostrou un incremento de 1.086,4 golfiños ao ano, supoñendo un incremento medio anual dun 9,6%. Ademais, o tamaño medio estimado dos grupos de Delphinus delphis avistados é de 16,6 exemplares.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.