Está mentindo a Xunta sobre as inspeccións do lindano, unha substancia canceríxena, en Mos?

A plataforma Anti-Lindano da Louriña denuncia que non se está facendo ningún estudo sobre esta substancia tóxica detectada en Mos, a pesar dos anuncios feitos pola rexedora, Nidia Arévalo, que acusa a esta entidade de ser un "chiringuito político". Por outra banda, a posible afección na saúde do lindano atopado na Louriña será abordada no Parlamento Europeo.

Por Galicia Confidencial | Mos | 01/02/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O Concello de Mos informaba a comezos de xaneiro que a Xunta de Galicia estaba xa realizando un estudo sobre a posible afección por lindano (unha substancia canceríxena) en determinadas zonas deste municipio. Zonas que se atopan moi próximas a Torneiros, a parroquia contaminada pola mesma substancia no Porriño. Pero, segundo informou este xoves a Plataforma Anti-Lindano da Louriña este anuncio é mentira e, na actualidade, ningunha empresa está realizando catas.

Zonas do Porriño onde se detectou lindano
Zonas do Porriño onde se detectou lindano | Fonte: xunta.gal

Mos solicitoulle en novembro pasado á Xunta esta investigación e, segundo a súa alcaldesa, Medio Ambiente contratou á empresa Eptisa para realizar un traballo que, supostamente, comezou en decembro e duraría durante tres meses, ata finais de febreiro. “Tempo tras o cal se farán públicos os resultados obtidos para tranquilidade dos veciños", suliñaban desde o Concello de Mos.

A propia alcaldesa desta localidade, Nidia Arévalo, suliñaba nun recente pleno municipal, a preguntas da oposición que ese estudo estaba sendo realizado e acusaba á plataforma de ser un “chiringuito político”.  Non obstante, e segundo denuncia esta entidade, “ningunha empresa está inspeccinando restos de lindano no concello”.

"NINGUEN FAI ESTUDOS"

Representantes da plataforma decidiron chamar este xoves a Eptisa, a empresa que segundo o goberno municipal de Mós estaba facendo as catas neste concello para darlles toda a información recabadada por esta entidade nos últimos meses sobre as ubicacións das posibles verqueduras de lindano. “A nosa sorpresa foi enorme cando esta empresa di que ela non ten encargo ningún para facer nada nin en Mos nin en Porriño, que non saben nada do asunto”, din desde a plataforma.

Refugallos de lindano nas estradas de Torneiros, no Porriño.
Refugallos de lindano nas estradas de Torneiros, no Porriño. | Fonte: Plataforma Anti-Lindano

“Entón chamamos a Applus, a empresa que está facendo as catas en Contrasto a ver se eran eles quen estaban traballando en Mos pero tamén desmentiron que estiveran facendo, nin tiveran encargo para facer catas en Mos nin en ningún outro sitio que non fora a obra de Contrasto”, salienta Cristóbal López,  membro da plataforma, en declaracións a GC. 

Eptisa foi a empresa que detectou a presenza de lindano nun dos barrios de Torneiros hai case 20 anos. Entón, a Xunta contratou a esta empresa para que fixera un amplo informe das zonas afectadas con estudos e catas de Torneiros (O Porriño) e Pereiras e Sanguiñeda (Mos). Finalmente, a Administración autonómica deciciu restrinxir o contrato e a empresa só puido investigar a zona de Torneiros. 

INVESTIGACIÓNS EN MOS

O Concello de Mos anunciara en xaneiro que esa suposta empresa ía realizar un estudo pormenorizado dos chans e augas das zonas do termo municipal máis próximas a Torneiros, concretamente, nas parroquias de Pereiras (a contorna da empresa Syngenta, antiga Zeltia, responsable da contaminación)  e Sanguiñeda .

“Nestas zonas localizaranse uns puntos de control en base aos estudos histórico, para cuxa localización se elabora a cartografía necesaria para identificar correctamente a súa localización", indicaban desde o Concello de Mos. Apuntaban, tamén que o informe constará de investigación analítica exploratoria, avaliación documental e valoración da situación ambiental, do que se extraerá unha valoración final dos resultados obtidos e accións e medidas futuras a adoptar de ser necesario. Con todo, polo momento, non hai ningún resultado destes estudos.

“Por favor, a ver se os gobernantes de Mos teñen un mínimo de seriedade cun tema da gravidade e consecuencias que ten para as veciñas e veciños como é a contaminación por lindano que estamos sufrindo. Cada vez máis veciños acuden a nós alarmados pola desidia e indiferencia con que os gobernantes están abordando está catástrofe sanitaria”, denuncian desde a plataforma.

GC tamén se puxo en contacto coa Consellería de Medio Ambiente para saber se, realmente, a Xunta contratou os servizos de Eptisa para investigar posibles focos de lindano nesas dúas parroquias de Mos. 

 

LONGO CONFLITO

 

A Plataforma Anti-lindano da Louriña xa acusou antes á Xunta e ao Concello do Porriño de tentar agochar o problema do lindano detectado na parroquia de Torneiros, malia ter informes que demostran a contaminación por esta substancia canceríxena procedente das verteduras da empresa Zeltia no pasado século. 

 

Con todo, e a preguntas deste medio, o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, negaba ocultación de datos e suliñaba que a Xunta estaba “traballando” en novas investigacións. “Non teño información de que haxa ocultación de datos, e non pode haber ocultación cando estamos traballando para detectar un lindano nunhas obras que fixo unha administración diferente á Xunta”, apuntaba o 11 de xaneiro.

Tamén hai uns días o Concello de Ponteareas descartaba contaminación nin perigo para a saúde por mor dos verquidos de terra afectados por lindano. O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, confirmaba que o acuífero  de Parada Rocha non está afectado e que as analíticas non deron restos de lindano. 

CHEGA A EUROPA

Por outra banda, esta problemática chega a Europa. A eurodeputada de Izquierda Unida, Paloma López, preguntará á Comisión Europea (CE) sobre os protocolos de seguridade aplicados na manipulación, traslado e almacenamento do lindano na comarca de O Porriño.

Foi entre 1947 e 1964 cando a compañía farmacéutica Zeltia desenvolveu a súa actividade industrial na que producía lindano. As verteduras na zona, estimadas en máis de 1.000 toneladas, provocaron que moitas partes do seu chan este totalmente impregnado deste tóxico.

O lindano está presente tamén en terras de cultivo, como no terreo sobre o que se sitúan vivendas e zonas de parques, un deles bautizado como Parque do Lindano. A superficie afectada esténdese por toda a localidade chegando a outras localidades limítrofes como Mos. Toda isto implica o incumprimento da Directiva 1998/83/CE Directiva, 2000/60/CE e a Directiva 2009/90/CE.

Lume forestal preto da planta química que Syngenta ten no Porriño
Lume forestal preto da planta química que Syngenta ten no Porriño | Fonte: EP
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Un problema irresoluble

Artículo 36 de la Ley 22/2011 de residuos y suelos contaminados: 1. Estarán obligados a realizar las operaciones de descontaminación y recuperación ...los causantes de la contaminación y, subsidiariamente, por este orden, los propietarios de los suelos contaminados y los poseedores de los mismos. Es decir, en las fincas particulares (privadas), tendrán que asumir los costes de la descontaminación los PROPIETARIOS del suelo, a no ser que se reúnan y consigan llevar a Zeltia a un tribunal. Y aún así será difícil, porque fueron los propios propietarios los que realizaron los rellenos en sus fincas. No existe aún tecnología para descontaminar un concello entero, y Zeltia se gastará más de un millón de euros en abogados, con tal de evitar gastar millones de euros en investigaciones para desarrollar alguna tecnología que permita descontaminar Porriño

1 Anti..

Algunha vez dixo unha verdade?