Existencialismo pero non saudade

A existencia precede á esencia, esta é a máxima do existencialismo como corrente filosófica, para Ramón Piñeiro tiña moito que ver coa saudade. Eu non quero falar do existencialismo filosófico senón da necesidade de existir.

Por Juan Carlos Piñeiro | Burela | 02/02/2018

Comparte esta noticia
Hoxe esa é a acción política do actual secretario xeral do partido socialista galego tentar existir. Non deixa de ter graza, o lonxe que está do existencialismo e da saudade da que falaba Ramón Piñeiro. O PSOE está máis  preocupado de existir que da esencia propia do seu proxecto. Explícome:
 
Xa fai tempo que o “establishment socialista” está nunha manobra de maquillaxe, o PSdG-PSOE vendíase como “forza Galeguista”; digo de maquillaxe porque isto mesmo  vendíano un tal Francisco Vázquez e outros nun perfecto castelán. Como eran outros tempos e o número de deputados lles daba para ter unha cota de "sentidores" galeguistas no Parlamento, non era difícil e quedaba bonito. Mais o problema era que  na realidade final non podían traspasar a lenda de “Hombres de Estado” que tanto lles gusta ós comendadores de Ferraz e na que só eles acreditan. 
 
Touriño algo mellorou, pero o ADN de Ferraz estaba e está moi instaurado a ademais tampouco Xocas  era Ceferino aínda que viñera da UPG. Coa crise de postos chegaron os descartes de posicións, e os primeiros que sobraron foron os galeguistas, que  un tal Besteiro alcumado o Kennedy galego encargouse de apartar de todo, non era unha mensaxe moderna para o da  cidade amurallada que pensaba que era un senador de Illinois.
De todos xeitos os  estrategos do PSOE saben que algo de rédito de “forza galeguista” podíalles quedar e todos e cada un dos dirixentes que aspiran a dirixir o chiringuito  repiten o termo galeguistas  como mantra nos faladoiros, pero só como letanía sen saudade e sen sentimento. 
 
Nunha  acción de existencialismo,  o da necesidade de existir e da necesidade de fotos, Gonzalo Caballero foi falar de financiamento  a Estremadura, nin máis nin menos que a Estremadura a esa rexión de Núñez de Balboa, de Pizarro, de Cortés, de Valdivia, de Ibarra e de Fernández Vara. Todos eles exemplos da capacidade de integración dos pobos. Que malo é o existencialismo. 
 
Claro ese é  difícil escenario para partillar  de Comunidade histórica, taxa de dependencia, avellentamento, dispersión territorial, singularidade de Galicia, dos dereitos históricos, da igualdade con Euskadi e Catalunya en definitiva de “GALEGUISMO” dentro dunha construción común de estado e de Europa, porque non. Entón o que se fixo foi renunciar ó galeguismo sacar a careta de forza centralista e centradora.
Xa vedes pois o prezo da   “forza galeguista” do PSOE de Galicia, unha foto cun barón socialista. Para ser galeguista é preciso unha esencia e non tanta  existencia. 
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA