O 73,3% votou a prol desta convocatoria en horario total e outro case 20% en horario parcial. Mais dun 93% dos votantes que representan máis do 70% do colectivo. Poucas veces se acadou no sectorpúblico galego un apoio tan amplo nunha reivindicación colectiva.
Non se pode dicir que este colectivo teña feito un uso desaquelado do seu dereito, xa que é súa primeira folga dende que se transferiron estas funcións á Xunta de Galicia, no xa lonxano 1996. A última suba da que desfrutaron estes funcionarios foi a que acordou o Goberno de coalición BNG-PSOE no 2008. Sofriron, por outra banda, a supresión do complemento específico durante catro anos. Arestora os funcionarios galegos deste colectivo son os peores pagados de todo o Estado español.
O noso País está tamén nos últimos lugares canto á informatización e artellamento da Oficina Xudicial , mesmo ben por baixo do territorio onde o Ministerio de Xustiza segue a desenvolver as súas competencias (Extremadura, Murcia, Ceuta, Melilla e as dúas Castelas). Algo impensábel hai só oito anos e que nos fai cuestionar a execución das súas competencias por parte da tan ben dotada orzamentariamente Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Malia que o conxunto do colectivo desconfía do director xeral de Xustiza, Juan José Martín, por non ser veraz nas súas propostas, a negociación semellaba mellorar coa mediación da Presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais. Mais a Xunta refugou esta mediación e sentou canda o director xeral de Xustiza ao director xeral da Función Pública, José María Barreiro, demostrando abondo que non lle preocupa o mal estado da Administración de Xustiza.
Na xustiza, como na sanidade pública, as retalladas da Xunta degradaron o servizo público e empeoraron as condicións salariais e de traballo en xeral. A folga indefinida vai agravar sensíbelmente a xa adiada e sobrecargada Xustiza galega. Mais seica o importante é frear o procès.