Por Galicia Confidencial | Ponteareas | 07/02/2018 | Actualizada ás 08:30
Unión Fenosa acaba de ser multada por realizar podas e talas non autorizadas, alterando a vexetación protexida da ribeira do río Tea, en Ponteareas, e realizar labores mecánicas no propio cauce do río, mesmo atravesándoo dunha beira a outra cun tractor. Nestas accións de mantemento da liña de alta tensión que atravesa o Tea cortáronse máis de vinte amieiros, salgueiros e carballos nunha zona de especial protección da natureza, dentro da Rede Natura 2000.
O Grupo Ecoloxista ADENCO recibiu estes días a comunicación da Confederación Hidrográfica Miño-Sil sobre a resolución deste expediente iniciado hai uns meses contra a multinacional eléctrica por danos nas beiras do río Tea en Ponteareas, a raíz dunha denuncia do colectivo ambientalista.
A denuncia, despois do trámite legalmente previsto, concluiu cunha multa de 7200,00€ e 360€ de indemnización polos danos realizados. Ademais, a Confederación dálle a Unión Fenosa quince días para retirar, como debería ter feito xa no seu día, os resto de tala e poda.
DESIDIA
“Para o colectivo ecoloxista o que resulta máis sorprendente é a desidia e inacción da administración”, apuntan desde ADENCO. Así, apuntan que nin o concello, nin a Xunta fixeron ningunha denuncia dos feitos. “Parece absolutamente inconcebible que un pequeno colectivo sen ánimo de lucro e con recursos limitados teña que denunciar o que todos ven, facendo deixación das súas funcións e facendo recaer na cidadanía competencias que non lle son propias”, indican.
En todo caso, suliñan que desde o colectivo ecoloxista seguirán a denunciarse accións que poñan en risco a conservación do espazo, como novas sendas ás beiras do río, tallas, podas, arranxos de infraestruturas ou calquera outra acción, provomovida por entidades públicas ou privadas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.