Por Galicia Confidencial | A Coruña | 18/02/2018 | Actualizada ás 11:00
O Xulgado do Mercantil nº1 de A Coruña, vén de notificar dilixencia de ordenación na que sinala para o vindeiro martes, a celebración da audiencia previa da demanda colectiva presentada pola Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (ACOUGA) contra ABANCA Corporación Bancaria, S.A. polas cláusulas de chan.
A demanda colectiva formulada por ACOUGA, e que reúne a algo máis dun milleiro de prexudicados, foi admitida a trámite polo xulgado en febreiro de 2016, e pretendía a devolución dos cartos cobrados de máis aos clientes con préstamos hipotecarios con anterioridade a maio de 2013, data á que o Tribunal Supremo limitaba a retroactividade.
Esta sentenza foi revisada e finalmente anulada polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea en decembro de 2016, que tamén impuxo o pagamento de xuros de mora a prol dos prexudicados.
Dado que as probas son só documentais que xa foron achegadas ao procedemento ou poden aportarse durante a audiencia, unha vez rematada esta non se sinalará xuízo, e a demanda quedara vista para sentenza.
O propósito da audiencia previa é o de tentar un acordo ou transacción entre as partes, examinar as cuestións procesuais que poidan impedir proseguir o proceso e concluílo mediante sentenza. Tamén fixar con precisión o obxecto da demanda e os extremos de feito e de dereito sobre os que exista controversia, propoñer e admitir proba e examinar as cuestións que, con carácter excepcional, poidan exporse.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.