Benvidos ao meu mundo Asperger, queredes coñecelo?

O 18 de febreiro é o Día Internacional da Síndrome de Asperger. Actualmente descoñécese cal é o número exacto de persoas que podan estar dentro deste espectro ou condición en Galicia, aínda que se calcula que entre tres e cinco nacidos de cada mil, poden desenvolvelo. Galicia Confidencial adéntrase no Asperger da man dos seus protagonistas.

Por Moncho Mariño | Santiago | 18/02/2018 | Actualizada ás 21:30

Comparte esta noticia

A libraría Numax en Santiago acolleu o 16 de febreiro a presentación do libroLa Lógica del Delirio, un conxunto de cincuenta e unha reflexións poéticas de Francesc Marzo (Barcelona, 1988). O fío conductor das reflexións de Francesc é a súa condición, xa que ten síndrome de Asperger. Escribir foi a mellor maneira que atopou para darlle saída ao mundo interior que foi construindo durante estes anos. “Cando len estas palabras que escribín din que son eu, que uso unha linguaxe propia”, comenta o autor.

Francesc Marzo na presentación do seu libro (foto Irma Amado)
Francesc Marzo na presentación do seu libro (foto Irma Amado)

Esa é unha das características das persoas con Asperger, a capacidade de crear un mundo cunha visión moi propia do que as arrodea. Son os “raros”, as “estrañas” e outros adxectivos máis ferintes. “Para min é unha condición, unha outra forma de estar no mundo” sinala Francesc. E todo porque cando a maioría desenvolven a súa sociabilidade na adolescencia, xentes como Francesc non son capaces de facelo. Porén, poden vivir dentro dos parámetros que lles marca a sociedade. “Resolvía as cousas segundo o que esperaban de min, tamén sabían que eu era algo especial. Pero cando chega a adolescencia e necesitas interactuar máis coa sociedade, entón as cousas vólvense difíciles”. As consecuencias disto poden acabar en fracaso escolar, escasa estabilidade laboral e en casos estremos, en crises moi profundas.

QUE É O ASPERGER

O Asperger está dentro do denominado Transtorno de Espectro Autista. É un transtorno do desenvolvemento cunha alteración neurobioloxicamente determinada no procesamento da información, tal como di na web da Confederación Asperger España (CAE). En cada persoa a manifestación desta síndrome é diferente, pero o punto común é que a interacción social vólvese moi difícil, máis aínda con xente da súa idade.

A consencuencia máis visible é un comportamento non verbal fóra do común. Non abstraen ben os conceitos e isto failles ser inflexibles cognitivamente. Por outra parte, a súa empatía, ou capacidade de poñerse no lugar da outra persoa, é case nula. Danlle un sentido literal ás palabras dos demais, co que dificilmente entenderían a ironía. Hai que fala do Asperger como “Autismo de Alto Rendemento” por non ser un grande impedimento laboral ou académico.

Os datos que baralla a CAE é que entre tres e cinco nacidos de cada mil, poden desenvolver a síndrome de Asperger. Debe dicirse que os estudos máis elaborados son moi recentes, pois a pesar de ser unha síndrome descrita por Hans Asperger no 1943, foi no 1981 cando se empregou por primeira vez nunha publicación científica.

"ESTÁ DE MODA"

En Galicia funciona a Asociación Galega de Aperger, ASPERGA, que conta agora mesmo coa sede na Coruña e un punto de apoio en Santiago, na Casa das Asociacións de Benestar Social (CABES). A presidenta de ASPERGA, Marisol García Penalta, recoñece que logo de doce anos de actividade, a asociación “está vivindo un momento bo, pois estamos a realizar moitas actividades e por iso se nos vai enchendo a axenda de traballo”.

Marisol García Penalta recoñece que unha parte nos avances para o tratamento do Asperger “é cousa dos medios, sobre todo das series de televisión ou por filmes, ao mellor non é a imaxe que debera darse deste espectro, pero polo menos a xente agora pode recoñecela”. Isto, como tamén apuntaba Francesc Marzo, tradúcese nunha popularización ou que sexa unha condición que está de moda. “Non é que só estea de moda, mesmo se usa agora mesmo como adxectivo no sentido de preguntar; ti non serás un tanto Asperger?”. Podería darse entón unha visión banal como aconteceu con doenzas mentais moi graves. “Si, é como dicir que raro es, ou que friki es, pero desde logo, esta situación non lles gusta nada ás persoas con Asperger”.

RECOMENDACIÓNS

Diante da sospeita de pais e educadores dun posible caso Asperger, “o primeiro sería ir ao médico de cabeceira, que saberá recoñecer a sintomatoloxía e de aí pode derivar a un especialista” recomenda García Penalta. Aínda así, se existen dúbidas, a presidenta de ASPERGA recomenda chamar á propia asociación ou calquera asociación sobre autismo “porque lles poderán botar unha man para a detección desta síndrome”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta