As orientadoras galegas, colapsadas: o alumnado con necesidades especiais triplicouse e non hai reforzos

A presidenta da Asociación Galega de Orientadoras (AGOEP), Martina Martínez, apunta que, segundo a Unesco, cada orientadora debería ter baixo a súa atención un máximo de 250 alumnos. "Eu creo que no 80 % dos casos esa cifra non se está cumprindo, pois a maioría dos centros precisariamos dúas orientadoras máis, polo menos", de maneira que denuncia que as 15 prazas ofertadas este ano pola Consellería de Educación, "non chegan nin para comezar".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 05/02/2025 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

A da orientadora educativa sempre foi unha figura esquecida dentro dos centros educativos, unha profesional que a miúdo pasa desapercibida a ollos dos demais membros do corpo docente, das familias e mesmo do alumnado, pero que, en realidade, realiza unha función de asesoramento e acompañamento sociopedagóxico a todo o sistema educativo fundamental para o seu correcto funcionamento. Un colexio ou un instituto non tería a mesma calidade na atención ao seu alumnado se carecese de orientadora. O problema? Que na actualidade cada orientadora ten que atender a un número de alumnos desorbitado entre os que, ademais, cada vez hai máis diagnósticos de necesidades especiais. Como é posible afrontar un reto de tal magnitude? A resposta é sinxela: non o é. As obrigas son tan numerosas e multiplicáronse nos últimos anos ata o punto de ser inabarcables. Así, as orientadoras (maioritariamente exercen esta profesión mulleres) atópanse afogadas, vendo como, por moitos esforzos que fagan e por moito da súa parte que poñan, é imposible chegar a todo con tan poucos recursos humanos. Dende o Galicia Confidencial falamos con Martina Martínez, presidenta da Asociación Galega de Orientadoras.

Un grupo de estudantes entra a unha aula
Un grupo de estudantes entra a unha aula | Fonte: Glòria Sánchez - Arquivo

A principal reivindicación deste colectivo de profesionais pasa porque "se cree para os orientadores unha ratio, ao igual que a hai para os profesores no relativo ao alumnado por clase". Na actualidade, moi ao contrario, Martina conta que "agora hai unha orientadora por centro, como moito, pois mesmo hai veces nas que unha orientadora ten que levar varios centros, o cal é inabarcable", sobre todo en centros "de 500, 800 ou 1.000 alumnos". Pero o problema está en que, aínda que a nivel de alumnado esa cifra fose asumible, "hai moitos centros cunha gran cantidade de nenos que teñen necesidades especiais", de tal maneira que, "se nos quixésemos ir a un criterio de calidades, realmente teriamos que ver canto alumnado conta con necesidades específicas ou canto precisa apoio especial para poder distribuír aos orientadores de maneira racional entre os centros". Ademais, Martina tamén asegura que, aínda que é dende o servizo de orientación dende onde se fai saltar a voz de alarma sobre a posible necesidade de educación especial, "o profesorado de apoio co que actualmente contan os centros tamén é para botarse a chorar".

"Precisamos recursos humanos", demanda a presidenta de AGOEP, que suma a esta reivindicación a "necesidade de facer equipos", porque "o feito de que haxa unha única orientadora nun centro significa para ela moita soidade e moito individualismo á hora de poder abordar certas facetas e funcións que atinxen unicamente ao departamento de orientación", sen a posibilidade de contrastar as tomas de decisión con ninguén máis. Ademais, Martina tamén fai fincapé na necesidade de que "se acceda cunha oposición ao posto de orientación e que, despois, a persoa que a aprobe escolla centro de Primaria ou de Secundaria, de maneira que os requisitos de acceso sexan iguais para toda a orientación do sistema educativo galego", porque, a día de hoxe, "carecemos de formación específica e iso supón un grave problema, porque, por exemplo, o acceso ao servizo de orientación en Primaria non vai pola mesma vía que en Secundaria". Así, no caso de Primaria, "as orientadoras deben ter preferiblemente formación en psicoloxía ou pedagoxía, pero non son condicións necesarias", polo que, "en moitos casos nunca tiveron que facer unha avaliación psicopedagóxica ou pasar a un alumno unha proba diagnóstica".

"NOS ÚLTIMOS ANOS TRIPLICÁRONSE OS EXPEDIENTES DE NECESIDADES E DE DIAGNÓSTICOS, MOITOS DERIVADOS DAS CONSECUENCIAS DO CONFINAMENTO"

Por etapas educativas, a presidenta da asociación de orientadoras asegura que a situación é grave en todos os niveis, pero, especialmente na Secundaria, onde "semella que as necesidades do alumnado desaparecen ou se mitigan, cando, moitas veces, acontece o contrario e, coa chegada da adolescencia, as cousas aínda se complican máis". No caso concreto do seu centro, denuncia que unicamente contan con profesor de Pedagoxía Terapéutica (PT) para 500 alumnos, dos cales moitos poderían precisar da súa atención. Ademais, tamén critica o feito de que "temos que andar rogando cada vez que comeza o curso para ver se nos poden dar máis profesorado de apoio e, tras moitos esforzos, ao final remataron por darnos medio PT, de tal maneira que no meu centro este curso contamos cun PT e medo, é dicir, unha profesora de Pedagoxía Terapéutica a xornada completa e outra que nos concederon só a media xornada". Este caso é só "unha pinga", un dos moitos que se repiten ao longo de practicamente todos os centros educativos galegos.

Alumnado xoga no patio do colexio
Alumnado xoga no patio do colexio | Fonte: Europa Press - Arquivo

Isto é algo que non só acontece cos PT, senón tamén cos profesores de Audición e Linguaxe (AL), que "en Primaria e Infantil pode habelos, aínda que estou segura que tampouco son suficientes para respostar ás necesidades reais dos centros, pero, en Secundaria, directamente non os hai". "Para ter un especialista en AL tes que ter un membro do alumnado cun déficit auditivo catalogado ou cunha discapacidade, pois doutro xeito este é un profesional imposible de conseguir nun centro de Secundaria", lamenta. E todo iso nun contexto no que, como advirte Martina, "triplicáronsennos os expedientes de necesidades e de diagnósticos nos últimos anos, moitos derivados tamén das consecuencias do confinamento, que veu agravar a problemática da saúde mental en moitos centros". Para facer fronte a todos eses novos diagnósticos, a primeira liña de batalla é a orientación, pois "semella que o tema da saúde mental é exclusivo das orientadoras e que tamén nós debemos encargarnos del", de tal maneira que esta vertente "súmase ás necesidades educativas do alumnado, ao tema emocional, á orientación vocacional, á atención ás familias, ao asesoramento aos profesores... É inabarcable, un suma e segue que nunca remata".

"A ORIENTACIÓN VOCACIONAL É A FUNCIÓN Á QUE, DESGRACIADAMENTE, MENOS TEMPO ADICAMOS, PORQUE NON NOS DÁ A XORNADA PARA MÁIS"

En concreto, segundo a lei, a función da figura da orientadora nos centros educativos está regulada nun decreto do ano 1998, "algo que igual tamén vai sendo hora de revisar, porque a situación que se daba no ano 1998 nos colexios galegos pouco ten que ver coa que nos atopamos hoxe en día, non só no tocante ao currículo estudantil, senón tamén ás necesidades do alumnado e aos recursos cos que contan os centros". Esta normativa establece que as funcións fundamentais da orientación son tres. Por unha banda, está a atención á diversidade, tendo que "asesorar aos nosos compañeiros e compañeiras sobre como atender ás dificultades de aprendizaxe do alumnado con necesidades específicas, discapacidades ou necesidades de apoio, con ou sen diagnóstico, e, por tanto, debemos coordinar o traballo dos profesores de apoio, dos PT e dos AL". Iso, como explica Martina, "supón falar con moitas familias e con moitos servizos externos de valoración de neuroloxía e psiquiatría para coordinarnos e poder responder ás demandas".

Por outra banda, está a acción titorial, é dicir, "o asesoramento aos profesores naquelas cousas que van máis aló do académico, é dicir, a nivel persoal, social e vocacional do alumando". Neste punto é onde as orientadoras "tratamos de que se aborden temas de importancia para os alumnos como, por exemplo, no meu caso que son orientadora de Secundaria, intento que os titores cohesionen cos grupos e falen de temáticas que na adolescencia son preocupantes ou  interesantes, como as adiccións, a sexualidade, as relacións sociais, as redes, o uso de Internet...". E, finalmente, as orientadoras tamén se encargan da orientación vocacional do alumando, que, "aínda que é a parte máis fácil de entender e na que todo o mundo pensa cando pensa na función da orientadora, nese coñecemento do alumnado para aportarlle información sobre as súas posibles académicas e profesionais, desgraciadamente é a que menos nos adicamos, é a irmá pobre, porque o noso horario e a nosa falta de reforzos non nos dá para atender tanto a esta pata, priorizando as outras".

"PROBABLEMENTE HAXA AS MESMAS ORIENTADORAS QUE HABÍA ANTES, PERO ESE É O PROBLEMA: SE ANTES XA NON CHEGABAN, AGORA, MOITO MENOS"

Por se todas estas tarefas non fosen suficientes, Martina lamenta que "dende a Consellería cada vez sacan máis programas, máis protocolos e máis accións que, inevitablemente, precisan da intervención da orientadora". Deste xeito, se xa as tres funcións principais que recolle a lei eran inabarcables co número de profesionais que hai actualmente nos centros educativos, sumar máis fai a súa tarefa aínda máis imposible. Neste punto, a presidenta da Asociación de Orientadoras de Galicia plantexa que "non é que se reducise o número de orientadoras con respecto ao pasado, senón que o nivel de necesidades aumentou, porque afortunadamente as deteccións de necesidades están mellorando e cada vez hai máis diagnósticos". Así as cousas, asegura que "hoxe por hoxe o alumnado con necesidades especiais que require da intermediación da orientadora cuatriplica ao volume que tiñamos hai uns anos, polo que eu podo percibir e sen datos oficiais", de tal maneira que "probablemente hai as mesmas orientadoras que había antes, pero o problema é precisamente ese: se antes xa non chegaban, agora, moito menos".

Fronte a esta situación, a Consellería de Educación convocou hai unhas semanas unha oferta pública de emprego (OPE) na que sacaba 15 prazas para a área de orientación educativa. Ao respecto, Martina considera que "é algo descorazonador", porque "entendemos que realmente non se está cumprindo co que tanto se proclama de que a atención á diversidade está cuberta en Galicia e que os centros están funcionando sen ninguna incidencia, porque os que estamos na área de orientación podemos asegurar que iso non é certo". Neste senso, apunta a que "a Unesco foi a única que se atreveu polo de agora a dar unha cifra de cantos alumnos como máximo debería atender cada orientadora, e dixo que a ratio debería ser dun máximo de 250 alumnos por profesional". "Se temos isto en conta, eu creo que no 80 % dos casos, aínda que non coñezo o dato concreto, esa cifra non se está cumprindo, pois a maioría dos centros precisariamos dúas orientadoras máis, polo menos, para cumprir con ese criterio da Unesco e, loxicamente, con 15 prazas para toda Galicia non chega nin para comezar", denuncia Martina. 

"BOTAMOS EN FALTA QUE, CANDO DENDE A XUNTA SE VAIAN SACAR PROTOCOLOS QUE PIVOTEN SOBRE A ORIENTACIÓN, NOS DEAN UNHA FORMACIÓN PREVIA"

Tal e como están as cousas, Martina asegura "temos unha carga emocional brutal". Ademais, aínda que confesa que ela moitas veces mesmo intenta levar traballo para a casa, "non me é posible, porque, por exemplo, se teño que valorar a un neno, teño que facelo no instituto; se teño que falar coa familia, teño que falar no instituto; e se teño que abordar un conflito cun alumno, teño que abordalo no instituto". Deste xeito, confesa que "aínda que si botamos horas a maiores, en contra da nosa saúde, porque xa nos levamos os protocolos de acoso abertos na cabeza, temos tal sobrecarga que nin con iso chega". Así as cousas, lamenta que "a nivel emocional tamén estamos moi afectadas" e que "botamos en falta que, cando se vaian sacar protocolos ou accións dende a Xunta que vaian pivotar sobre o departamento de orientación, dende a Consellería nos dean, alo menos, unha formación previa, porque ao final somos as orientadoras as que imos ter que desenvolver eses protocolos sen saber como facelo, partindo de cero". Moi polo contrario, denuncia que o que acontece agora é que "enterámonos das novidades pola prensa ou porque buscamos na propia páxina da Xunta, ao mesmo tempo que o resto da poboación, aínda que a nosa responsabilidade no asunto sexa moito maior".

Vista a realidade actual, agora a pregunta que nos facemos é: cando comezou a acontecer isto? Cando o alumnado con necesidades especiais se chegou a multiplicar de tal maneira? Cando as orientadoras tiveron que asumir tantas funcións que non poden coa sobrecarga de traballo? Martina confesa que "non sabería dar unha data exacta, porque a sensación é que isto leva pasando xa un tempo, pero está claro que a nivel emocional e de saúde mental a burbulla estourou co confinamento". Así mesmo, no tocante aos diagnósticos asegura que "levan anos sobrevoando aos servizos de pediatría e neuroloxía, comezando a visibilizarse en maior medida trastornos como TDAH, dislexias, discalculias... A cousa non para, os diagnósticos seguen medrando e as deteccións destes trastornos son cada vez máis tardías". Deste xeito, lamenta que "estamos detectando en Secundaria dificultades que deberían terse detectado e controlado xa en Primaria, pero chegan ao instituto sen detectar, co sobreesforzo que iso supón para nós, que tamén somos os que temos que facer certas valoracións para ver se o alumnado ten ou non TDAH, un problema de atención, un problema condutual ou un problema de relación social, entre outros", ás veces mesmo sen telo feito antes nunca nin ten formación para iso.

Nena nun colexio
Nena nun colexio | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta