Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/02/2025 | Actualizada ás 19:38
O catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago (USC) Ángel Carracedo destaca que "o Proxecto Xenoma de Galicia, que abarca o 15% da poboación galega, é o máis ambicioso a nivel mundial". Na apertura do curso da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), celebrado esta tarde de mércores en Santiago, Carracedo remarcou que "os datos xenómicos obtidos serán clave para predicir o risco individual de certas enfermidades comúns con posibilidades de prevención".
Valora que este proxecto é "moito máis ambicioso que outras iniciativas similares desenvolvidas noutros países do mundo, como o Reino Unido ou os Estados Unidos, xa que pretende secuenciar o xenoma completo de 400.000 galegos, o que representa ao redor do 15% da poboación, converténdoo no programa a nivel mundial con maior porcentaxe de poboación incluída".
Indica que "os participantes terán así mesmo a opción de participar nun programa de cribado xenético para cancro de mama e ovario, síndrome de Lynch (cancro colorrectal) e hipercolesterolemia". "En caso de obter un resultado positivo, poderán acceder a programas de seguimento, o que o converte tamén nunha das iniciativas máis relevantes a nivel mundial neste ámbito", explica.
O investigador subliña que, "ademais dos beneficios en saúde e prevención, o proxecto ofrece unha oportunidade única para a investigación e o impulso dos sectores biotecnolóxico e farmacéutico". "A análise dos datos xenómicos xerados proporcionará información sobre os mecanismos das enfermidades e facilitará a identificación de novas dianas terapéuticas para fármacos; de feito, unha diana identificada mediante estas ferramentas ten moitas máis posibilidades de chegar a ensaios clínicos", relata.
PREMIOS
Durante o acto entregáronse os Premios de Investigación Fundación Barrié-RAGC a sete equipos galegos. Un equipo da Universidade de Vigo que realiza un proxecto centrado na utilización de dióxido de carbono para a produción de produtos químicos e combustibles como iniciativa para combater o cambio climático foi galardoado como mellor investigación de Galicia na área de Ciencias Básicas.
Por outra banda, na categoría de Ciencias Técnicas recoñeceuse ao grupo que creou unha tecnoloxía segura para as futuras comunicacións por satélite. Mentres, en Ciencias Sociais o galardón foi para os investigadores que estudaron como afecta o efecto contaxio no fracaso empresarial.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.