Piden a Europa que investigue a presenza de lindano en varios concellos do sur de Pontevedra

A eurodeputada galega Lídia Senra denuncia a concentración de lindano que se rexistra no río Louro ao seu paso polo Porriño e Tui. Tamén a Xunta confirma a presenza desta substancia nunha parroquia de Ponteareas.

Por Galicia Confidencial | Ponteareas | 02/03/2018 | Actualizada ás 11:39

Comparte esta noticia

A contaminación de varios concellos do sur de Pontevedra por unha substancia canceríxena, o lindano, chegou xa á Unión Europea. A eurodeputada galega Lídia Senra denunciou no Parlamento europeo as altas concentracións de lindano que se dan en varias áreas do río Louro ao seu paso polos concellos do Porriño e Tui (Pontevedra) e que multiplican por dez o máximo permitido.

Refugallos de lindano nas estradas de Torneiros, no Porriño.
Refugallos de lindano nas estradas de Torneiros, no Porriño. | Fonte: Plataforma Anti-Lindano

De feito, Senra remitiu un escrito dirixido á CE onde a pon en aviso do informe elaborado pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil publicado a finais do 2017 e que constata que hai presenza de contaminación da auga por lindano de forma continuada desde o 2010 e que as zonas máis afectadas do río Louro están á altura da ponte da N-550 en Tui e no lugar da Rocha de Atios no Porriño.

Na zona de Torneiros (O Porriño) estivo instalada entre 1947 e 1964 a empresa Zeltia adicada a fabricar lindano, un produto químico insecticida que foi considerado carcinoxénico pola Organización Mundial da Saúde no 2015 e que está prohibido desde 1991 polos seus graves efectos na saúde e o seu impacto ambiental.

REPARACIÓN DE DANOS

Ante esta preocupante situación, Lídia Senra insta á CE para que tome medidas que fagan que se cumpra a Directiva 2004/35/CE referida á responsabilidade medioambiental en relación coa reparación de danos. A europarlamentaria tamén lle pregunta á Comisión se non cre que semellantes índices de contaminación supoñen unha vulneración da Normatica Marco da Auga. A eurodeputada considera urxente que se tomen medidas para protexer á poboación próxima.

En 1996, a veciñanza de Torneiros denunciou que o seu barrio estaba construído sobre un dos depósitos nos que se acumularon os residuos de lindano de Zeltia e que, a xulgar polas analíticas da auga que saen agora á luz, poderían non estar todo o ben selados que deberían. Así, Senra reclama que a CE abra unha investigación sobre isto e obrigue ao Estado español e á Xunta a cumprir os tratados de dereito comunitario en materia de contaminación e perigos para a saúde.

MOS E PONTEAREAS

Pero ademais do Porriño, tamén se detectou presenza desta substancia canceríxena en Mos e, recentemente, en Ponteareas. De feito, a Xunta confirmou, a través da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, que logo das últimas análises, aínda hai terras con lindano na parroquia de Xinzo, en Ponteareas.  Unha confirmación que fai despois da denuncia presentada ante a Valedora do Pobo e as solicitudes realizadas en reiteradas ocasións ante o Concello de Ponteareas e a Consellería de Medio Ambiente.

Na resposta á solicitude de información que realizou o Grupo Ecoloxista Adenco, a Xunta relata nun informe cronolóxico os feitos que deron lugar a que nunha canteira de Xinzo se despositasen terras contaminadas con lindano.

Así, ademais de constatar a existencia de restos de lindano nas terras analizadas, na analítica realizada o 21 de xaneiro, “require á empresa onde se depositaron as terras para que presente unha proposta de investigación analítica na explotación mineira para caracterizar o solo remanente previa retirada de todos os residuos de lindano que aínda permanezan depositados”.

“Desde Adenco seguiremos informando, esixindo que as administracións informen e que o problema se solucione, buscando a descontaminación efectiva das terras e evitar contaminación nas augas, derivadas de arrastres ocasionados polas choivas”, indican desde a entidade ecoloxista.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta