Por Galicia Confidencial | Lugo | 06/03/2018 | Actualizada ás 14:10
O CD Lugo e o CB Breogán seguirán presumindo de ser lucenses e exhibirán publicidade do organismo pronvincial. En total serán 740.000 euros que a deputación repartirá, a partes iguais --370.000 euros-- entre as dúas entidades deportivas con maior peso social e repercusión mediática na provincia.
“Estas axudas teñen un marcado carácter social e turístico, e demostra unha vez máis que somos a administración que máis aposta polo deporte na provincia”, dixo este martes o Presidente, Darío Campos, na renovación dos acordos de patrocinios cos dous clubs. “Empregamos de novo a fórmula de colaboración, totalmente pioneira, que arrancamos fai dous anos, e coa que tamén buscamos o maior beneficio para o conxunto da nosa provincia e de todos os lucenses”, indicou.
Así, a través dos contratos de patrocinio, ambos clubs comprométense a participar activamente en actuacións sociais como visitas a hospitais, campañas contra a violencia de xénero ou loita contra o cancro, partidos benéficos ou encontros mixtos para promover a igualdade a través do deporte. Por outra banda, os contratos tamén teñen contraprestacións para a provincia en materia de turismo, pois, segundo a deputación, “promoverase a marca Lugo”.
DEPORTE BASE
Ademais, a deputación quere potenciar o deporte base. De feito, Lugo conta con máis de 300 xogadores nas súas categorías inferiores, mentres que a canteira do Breogán, vinculada ao CB Estudiantes, está composta por preto de 500 rapazas e rapaces”.
Neste senso, a entidade provincial promoveu a sinatura de convenios entre o CD Lugo e outros trece clubs de fútbol da provincia. Estes son: SD Porto Burela, CF Monforte, Monterroso SD, Antas SD, SD Chantada, CD Foz, Sporting Pontenova, Mondoñedo Ciudad, Escolas Deportivas Lourenzá, CD San Ciprián, CD Castro, Palas CF e CD Cospeito. Os acordos contemplan a colaboración activa na formación dos adestradores e a cesión de medios técnicos e materiais deportivos permitindo que diferentes clubs da provincia unan sinerxías en torno ao equipo de fútbol referencia da provincia e, deste xeito, poidan crecer da man, fomentando o deporte base lucense.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.