Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 14/03/2018 | Actualizada ás 11:45
A Humanidade perdeu unha das súas mentes máis fermosas e marabillosas. O físico británico Stephen Hawking faleceu esta madrugada na súa casa de Cambridge (Inglaterra), aos 76 anos, deixando un enorme legado de coñecemento sobre o Universo, os buratos negros e a relatividade. Pero tamén será lembrado pola súa extraordinaria capacidade de superación: Aos 22 anos foille diagnosticada unha esclerose lateral amiotrófica, ELA, e os médicos déronlle só dous anos de vida. Pero viviu 54 anos máis. A enfermidade deixouno nunha cadeira de rodas e incapaz de falar sen a axuda dun sintetizador de voz. Reduciu o control do seu corpo á flexión dun dedo e o movemento dos ollos.
No universo de Hawking, Galicia foi unha pequena pero importante estrela. Aquí veu en varias ocasións como eminente científico pero tamén como un turista máis.
A súa última visita a Galicia foi como cruceirista, o 14 de outubro de 2015, cando desembarcou en Vigo, a bordo do Azura, e aproveitou a breve escala para visitar en Vilagarcía de Arousa os históricos xardíns do Pazo de Rubiáns de estilo francés e inglés, e posteriormente trasladarse a Cambados para comer no Parador do Albariño.
Pero esta non foi a primeira visita de Hawking a Galicia nin o seu primeiro desembarco no porto de Vigo como turista, Xusto un ano antes, o 11 de outubro de 2014, a bordo do ‘Oasis of the seas’, Hawking chegaba á cidade olívica, onde tivo tempo —sete horas— para pasear polas Avenidas, o Casco Vello e A Pedra, onde ademais degustou as famosas ostras. e mariscos no restaurante ‘La Espuela’
Estas foron as últimas visitas de Hawking á nosa terra. Pero antes, o 27 de setembro de 2008, non como un turista máis, senón como o eminente físico que era, recibía en Santiago de Compostela o Premio Fonseca de divulgación científica —creado pola Universidade de Santiago de Compostela e ol Consorcio de Santiago—. Durante aquela estancia tamén recibiu a representantes da Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (A.C.E.M.) e tamén percorreu un tramo do Camiño de Santiago.
Aproveitando aquela visita, o autor da popular obra ‘Historia do tempo’, tamén visitou Fisterra e o Olimpo Celta de Galicia, o Monte Pindo.
No Libro de Honra do Concello de Fisterra escribiu para a eternidade: "Gocei da miña viaxe á fin do mundo. Que fermoso lugar".
PESAR NA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO
A Universidade de Santiago de Compostela (USC) manifestou o seu pesar polo falecemento do científico británico, ao que entragara o Premio Fonseca na súa primeira edición ao abeiro do programa ConCiencia. O xurado recoñecíalle "a súa excepcional mestría na popularización de conceptos complexos da Física no borde último da nosa comprensión do Universo, combinada coa máis alta excelencia científica".
"Recoñecido polos seus traballos sobre os buracos negros no Universo e por ser un dos máis recoñecidos divulgadores da ciencia de todos os tempos, a USC e o Consorcio de Santiago entregáronlle o galardón nunha semana de setembro ateigada de actos por toda a cidade para os que Hawking tivo sempre a súa mellor dispoñibilidade. Desde a cerimonia de entrega nun acto aberto ao público no que pronunciou a conferencia ‘Saíndo dun burato negro’ ata a presentación dos libros La clave secreta del universo e de Brevísima historia del tiempo no Instituto Rosalía de Castro, pasando por un encontro con investigadores da USC na Facultade de Física, unha visita a Fiesterra ou unha multitudinaria comparecencia ante os medios de comunicación", recorda a institución académica.
STEPHEN HAWKING
Nado en 1942 en Oxford, Hawking ocupaba dende os seus 37 anos a célebre cátedra Lucasiana de Matemáticas do Departamento de Matemática Aplicada e Física Teórica da Universidade de Cambridge que, fundada en 1663, pertencera a, entre outros, Isaac Newton e o premio Nobel de Física Paul Dirac.
Aos 21 anos foille diagnosticada unha Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA) que lle dexenerou de xeito progresivo as células do sistema nervioso encargadas do movemento muscular voluntario, chegando a unha situación de parálise case absoluta na que só se podía comunicar a través da súa cadeira de rodas, cun sintetizador de voz incorporado que respondía aos movementos dunha das súas pálpebras.
Esta total incapacidade de movementos non impediu que o profesor Hawking desenvolvese unha actividade ao máximo nivel científico no eido da Física Teórica pola que recibiu os máis prestixiosos recoñecementos. As súas principais achegas centráronse na análise de buracos negros e na Teoría da Relatividade Xeral de Einstein, na que se enmarca o seu traballo sobre o espazo-tempo que deu sustento matemático á teoría do Big-Bang.
Stephen Hawking destaca tamén polo seu relevante labor de divulgación científica. O seu libro 'A Brief History of Time' ('Unha breve historia do tempo') foi un best-seller mundial con máis de dez millóns de exemplares vendidos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.