Por Galicia Confidencial | O Porriño | 15/03/2018 | Actualizada ás 12:00
A Inspección de Traballo esixiulle á empresa cárnica Servicarne –que traballa para Frigolouro, filial de Coren--, que contrate como persoal propio a todos os traballadores autónomos antes de novembro. Unha decisión que chega tras as máis de 80 denuncias presentadas pola CIG diante da autoridade laboral.
Esta decisión foi a última –polo momento-- logo dunha serie de accións dos traballadores contra a “explotación laboral” na planta na que traballan 500 traballadores. Uns 350 son empregados mentres que uns 150 eran autónomos da polémica cooperativa Servicarne.
A Inspección de Traballo vén de comunicarlle ao comité de empresa de Frigolouro -centro de produción de porcino con sede no Porriño- que xa lle trasladou á dirección da empresa que ten que convertir todos os traballadores autónomos da cooperativa Servicarne en persoal fixo antes do mes de novembro.
Frigolouro arrastraba anos de conflito laboral. De feito, os traballadores da planta do Porriño levan convocando mobilizacións desde o 2016. Nos últimos anos, esta empresa foi introducindo autónomos a través de cooperativas, que lóxicamente non teñen menos dereitos e implican menos custos. Os asalariados responderon non só con mobilizacións senón tamén levando o asunto aos xulgados. Tal foi a intensidade das protestas que a empresa mesmo ameazou con marchar para Portugal ante a suposta “falta de competividade” no Porriño.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.