Feijóo ataca a En Marea polo caso Quinteiro e Villares recórdalle as súas fotos cun narcotraficante

O presidente da Xunta critica a actuación da deputada Paula Quinteiro, sinalada pola Policía nun altercado. O portavoz de En Marea contraataca preguntándolle "que delegado do Goberno o informou das súas fotos con Marcial Dorado?" e censurando o seu desprezo a xornalistas de determinados medios galegos que lle preguntan por esa cuestión.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/03/2018 | Actualizada ás 12:30

Comparte esta noticia

A sesión de control na Cámara galega derivou este mércores nun duro enfrontamento dialéctico entre o titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o portavoz de En Marea, Luís Villares, a quen o presidente galego apremou a "tomar unha decisión" en relación coa deputada Paula Quinteiro, quen se viu implicada e foi identificada, segundo o atestado policial, nun altercado entre un grupo de mozos e axentes da policía no marco dun control nocturno por vandalismo. En resposta, Villaeres recordou a Feijóo as súas fotografías co narcotraficante Marcial Dorado e preguntoulle que delegado do Goberno lle filtrou a información da existencia desas imaxes.

O presidente da Xunta, Núñez Feijóo, na sesión de control do Parlamento
O presidente da Xunta, Núñez Feijóo, na sesión de control do Parlamento | Fonte: Europa Press

"Vai facer algo para devolver a dignidade a esta Cámara?", preguntou Feijóo, quen lembrou o chamamento "a unha primavera de mobilizacións" e a "dar a batalla na rúa" formulado por Pablo Echenique, dirixente de Podemos, antes de ironizar con que a parlamentaria o debeu "entender perfectamente". "E o sábado pola noite saíron á rúa unha serie de persoas para cometer un vandalismo puro do que me avergoño", espetou.

E é que, segundo recolle o atestado policial sobre estes feitos rexistrados na madrugada do sábado ao domingo, cuxas dilixencias foron trasladas á Policía Nacional, Quinteiro formaba parte dun grupo de mozos que foi interceptado polos axentes despois de que un veciño denunciase a rotura de varios espellos retrovisores dos coches estacionados nunha rúa próxima.

O relato policial sinala que atopou un grupo de 15 mozos, un deles con gorro verde —o que coincidía coa denuncia do veciño— e outro cunha botella de cervexa que "mostraba actitude de tentar golpear diverso mobiliario urbano" e que chegou a gritar "Policía, fillos de puta", segundo recolle o atestado. Os axentes solicitaron a dotación doutra patrulla nese momento.

Foi nese momento, cando tentaron identificar a unha das persoas que ían no grupo cando sucedeu a disputa. Segundo o relato policial, pediuse ao mozo que "se mostraba máis agresivo e que anteriormente insultara e fixera unha peineta" aos axentes que se identificase e a deputada, que acudiu até o lugar "chamada" polo mozo "interpúxose entre o home, exhibindo un cartón parlamentario, tratando de impedir a identificación e dificultando en todo momento a intervención da Policía".

Con todo, a deputada de En Marea e inscrita en Podemos —da corrente Anticapitalista— nega rotundamente esta versión e defendeu que un dos policías actuou "de forma desmedida e foi violento" e, mesmo, chegou a deixar no chan ao mozo. Engadiu que a súa única intención foi a de "mediar" e tentar acougar a situación.

"NON LLE TOMAN EN SERIO COMO PORTAVOZ"

Feijóo, durante a sesión de control, instou a Villares reiteradamente a responder sobre esta situación e aproveitou para incidir en que nin os deputados da Cámara galega nin os de Madrid "lle toman en serio" como portavoz de En Marea, polo que puxo en dúbida que, en realidade, poida adoptar algunha decisión sobre Quinteiro.

Así, aludiu ao último plenario da formación e ironizou con que debe ser "moi duro" que "de 2.500 inscritos acudan 250". "Imaxínese que o PPdeG convoca un, vénme o 10 por cento e nin sequera acoden os deputados da Cámara", apuntou o tamén líder dos populares galegos.

AS FOTOS CON DORADO

Villares, pola súa banda, non se pronunciou sobre Quinteiro, pero si replicou con contundencia ao presidente. "Señor Núñez, vostede séntese moito máis cómodo preguntando que contestando", proclamou, antes de advertir que a do pleno é "unha sesión de control" ao presidente, ao que esixiu que "non se esconda tras as súas propias preguntas".

A continuación e despois de incidir en que os servizos xurídicos da Cámara avalan que non hai "ningún problema" en que o presidente se poida pronunciar sobre outras cuestións á marxe das que se rexistran por escrito para a sesión, realizou unha pregunta directa a Feijóo: "Que delegado do Goberno pasoulle información das súas fotos con Marcial Dorado?", que foi obviada polo mandatario autonómico.

O dirixente de En Marea rememorou así unha cuestión que Feijóo recoñeceu na súa entrevista en 'Salvados' e tamén aproveitou para afearlle que "menosprece" aos xornalistas galegos que lle preguntan respecto diso e reciben como resposta que "cando teñan un programa na Sexta igual lles responde". "Tan fráxil ten a memoria que non pode contestar?", preguntou.

Nunha moi tensa sesión de control, Villares tamén apelou a que Feijóo conteste "se se ratifica ou rectifica as palabras nas que", segundo a súa interpretación, en 'Salvados' o presidente "chamou contrabandistas a todos os galegos", e pediulle "explicacións" sobre casos xudiciais que afectaron no seu día a deputados populares.

Así mesmo, botoulle en cara que o alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, fose condenado por "prevaricación e acoso laboral" á secretaria municipal, pero segue no seu cargo "con apoio dos populares" na localidade. "En nome da igualdade, que invocou, vai facer algo para cambiar esta situación? Grazas, señor presidente", contraatacou Villares.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 17 comentarios

1 Caramba

hai xa mais de dez anos das fotos, irrelevante xa, pero o de Quinteiro é obstruccion de lei e acaba de pasar hai dias... inda queren chorar por mor das fotos?? O sexa que Quinteiro sera adxudicada por ter Feijoo fotos con Marcial Dorado? pffff....

1 anonimo

Encántame como se argumenta no Estado Español...¿Irrelevante? ¿Dimitiu Feijóo no seu momento?¿Dimitiu Mariano Rajoy?¿Dimitiu Cifuentes?¿Dimitiu algún político do Partido Popular algunha vez no Estado Español, un Partido que ten máis de 800 imputados?Non importa que sucedera hai 10 anos, 10 meses ou 10 segundos.... Os políticos do Partido Popular fan e desfan e no Estado Español nunca pasa nada...En Francia N Sarkozy foi detido por presunta financiación ilegal da súa campaña ¡no 2007! ¿Irrelevante?? Non sei o que pasou con Paula Quinteiro, pero os dirixentes do Partido Popular son os últimos con lexitimidade para acusar a ninguén; mais saben que sempre poden facer e dicir o que queiran...e en Galicia máis

2 Caramba

Totalmente certo, tes razon. aí estamos de acordo. Por otra banda, pregunto; estamos a defender os crimes dunho cos crimes doutros?? Dixen 'irrelevante' porque os crimes do Feijoo non fan á Quinteiro correcta ou inocente... e vice-versa.