Por X.M. Fernández | Sober | 24/03/2018 | Actualizada ás 11:00
Os viños de “Amandi” cultívanse no suroeste do concello de Sober, na ribeira do río Sil. A súa orientación, o microclima mediterráneo desa zona, o cultivo en bancais e o emprego de variedades de alta calidade fixeron que este viño acadase importantes recoñecementos e premios a nivel internacional. Un dos mellores embaixadores del, o seu propio alcalde Luís Guitián, di que para el é o “mellor viño do mundo”.
O que empezou como idea de revitalización da feira de gando e do propio censo de Sober, para traer xente ao concello co reclamo do viño e as boas terras, foi collendo músculo e prestixio ata ser hoxe en día quizais a feira do viño máis concorrida e con máis adegas participantes de toda a Ribeira Sacra.
A protagonista deste ano é unha muller, ourensá e universal, cun currículo académico envexable e un talento fóra do normal. Falamos de Cristina Pato, virtuosa da gaita, pianista, produtora e educadora apaixonada. A súa vida profesional está dedicada ao intercambio cultural e a forxar novos camiños para a Gaita Galega. Ten actuado en grandes escenarios de todo o mundo e ten lanzado e producido seis discos como gaiteira solista e dous como pianista, e colaborado en máis de 40 gravacións como artista invitada. Actualmente está ligada a varias universidades norteamericanas como educadora e artista residente con proxectos educativos sobre o papel das artes na sociedade. O pasado ano, Cristina Pato, foi nomeada Blodgett Distinguished Artist in Residence na Universidade de Harvard no Departamento de Música.
A música ourensá ofrecerá un concerto o sábado 24 ás 20.00 h. no Auditorio do Centro Sociocultural de Sober e o domingo 25 dará o pregón ás 13.00 h.
O convidado de honra desta edición é o concello da Pobra do Brollón e 23 serán as adegas que ofrecerán os seus mellores caldos nos postos do recinto feiral, recinto que como xa é costume nestes últimos anos destaca pola xigante carpa que os acolle, non habendo escusa algunha para os visitantes se a choiva fai acto de presenza. E como en toda feira do viño que se prece non pode faltar a música para amenizar a presenza dos numerosos visitantes que chegan a Sober con ganas de festa. O sábado pola mañá e a primeira hora da tarde actuará o grupo de música tradicional Érbedo, sobre as 17.00 h. a Banda de Música de Sober e xa pola noite os concertos a cargo dos grupos Os Parentes e Gin Toni’s a partir das 22.00 h.
O domingo amenizará o recinto feiral a charanga NBA e a Banda de Música de Sober fará dous pases, un de mañá e outro de tarde. Pola noite o fin de festa será a cargo da orquestra Suavecito.
Quen teña ansia ou devoción por bendicir o ramo poderá facelo ás 11.30 h. na Igrexa de Sober. O programa completo está a disposición na páxina web do propio concello de Sober.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.