Aínda hai xuíces en Berlín

O maxistrado Llarena activou a euroorde de detención contra Puigdemont e os membros exiliados do seu Govern. Xa que logo, a policía alemá executou o seu arresto que un xuiz haberá de ratificar ou deixar sen efecto.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 26/03/2018

Comparte esta noticia
En calquera caso, se Puigdemont rexeita a súa entrega ao Tribunal Supremo reclamante, será a xustiza de Schleswig-Holstein a que decida se cómpre executar a extradición ou non, no prazo máximo dos sesenta días determinado pola Decisión-Marco do Consello  que regulou a euroorde .
 
A Alemaña castiga condutas semellantes ao delicto de rebelión español. O  artigo 81 do seu Código Penal castiga entre dez anos e vinte e cinco anos (efectivos)  os delictos de alta traición contra a República Federal e entre un e dez anos os delictos de alta traición menores. O artigo 83 castiga tamén os actos preparatorios destes delictos. Velaí que algúns opinadores urxentes salientasen a diferenza entre os réximes penais alemán e belga, en claro prexuizo do President catalán.
 
Claro é que a lei alemá, canda a española dende 1995, esixe para que exista alta traición quer violencia, quer intimidación (“force” ou “threat of force”, na tradución inglesa oficial do Ministerio federal de Xustiza ). Ou sexa, que os avogados de Puigdemont perante a xustiza alemá poderán combater o relato da interlocutoria de procesamento de Llarena, emitida o venres.
 
Porque a resolución xudicial emitida o venres último polo Tribunal Supremo ( que acordou o procesamento de trece políticos cataláns por delicto de rebelión), non xustificou de xeito ningún a existencia nin de violencia nin de intimidación nas condutas desenvolvidas polos distintos axentes polñiticos e sociais do procès. Neste senso, Llarena considera que ese requisito de violencia cúmprese coa actitude dos manifestantes do 1-O, cando Europa e o mundo todo puidemos ver que a única violencia dese día foi determinada violencia policial.
 
Na Alemaña tanto a xustiza estatal de Schleswig- Holstein  como a xustiza federal son independentes e interpretarán a xeito os conceptos de violencia e intimidación. Nunhas semanas  veremos si Llarena recebe a primeira censura á súa imaxinación á hora de crear delictos de rebelión inexistentes. Porque aínda hai xuices en Kiel. Aínda hai xuices en Berlin.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.