A Xunta fala de "vitalidade demográfica" da lingua galega

O secretario xeral de Política Lingüística considera que o galego ten “gran presenza na sociedade”. O BNG desminte a súa versión e pide volver a “un consenso lingüístico”.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 06/04/2018 | Actualizada ás 09:25

Comparte esta noticia

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, compareceu este xoves no Parlamento para informar —por pedimento do Bloque Nacionalista Galego— sobre os datos recollidos polos últimos informes arredor da situación actual da lingua galega publicados pola Real Academia (RAG) e polo Consello da Cultura (CCG) e para dar conta dos traballos que se están desenvolvendo no seu departamento tendo en conta os mencionados datos.

Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística
Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística

Valentín García quixo destacar “os aspectos positivos en que nos podemos apoiar para intervir con éxito na situación da lingua galega” e recordou que a RAG fala de “fortaleza ou vitalidade demográfica” da lingua propia e dunha “gran presenza do galego na sociedade”, dado que este é o idioma maioritario de Galicia.

Referíndose en concreto á mocidade, o secretario xeral chamou a atención sobre "as excepcionais cifras de coñecemento do galego, que mostran que o sistema educativo cumpre a súa función”.

“Agora temos que conseguir trasladar o éxito acadado polas políticas lingüísticas vixentes estes anos en formación cara aos usos”, explicou o secretario, “e iso é o que trataremos de conseguir co Plan de dinamización do galego entre a mocidade que a Xunta, a través dos seus departamentos de Política Lingüística e de Xuventude, está poñendo en marcha”.

O secretario xeral de Política Lingüística explicou que o Plan de dinamización que se anunciou meses atrás superou a súa primeira fase de elaboración e o seu documento marco será presentado o día 17 de abril ante entidades asociativas que desenvolvan actividades relacionadas coa mocidade, especialmente nas áreas de deporte, lecer, comunicación dixital e redes sociais, industrias culturais, emprego e emprendemento, formación continua, ensino, familia e asociacionismo.

Deste xeito, iniciarase o proceso de participación e recollida de achegas para incorporalas ao plan, “que debe ser participativo se queremos que cale entre os sectores implicados”, en palabras de Valentín García.

RESPOSTA DO BNG

A parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, reclamou pola súa parte volver a “un consenso lingüístico” e implementar  medidas concretas para a normalización do galego entre a mocidade e menores de 14 anos. O ensino, dixo, debe ser un “axente galeguizador” e non “o contrario” como, dixo, acontece na actualidade.

Trala resposta do secretario xeral anunciando a presentación do Plan de Dinamización do galego na mocidade a diversas asociación xuvenís, a deputada preguntou a que asociacións se refería e que medidas contemplaba o devandito plan que Rodil cualificou de “eterno anuncio”.

A nacionalista lamentou que o secretario Xeral non respondese a ningunha das preguntas formuladas cinguíndose  na súa intervención a “presumir” da boa saúde da lingua  galega. Rodil negou que o galego gañe falantes e alertou da perda de galegofalantes fundamentalmente, dixo,  entre a mocidade como demostran “os sucesivos informes da Real Academia Galega, Consello da Cultura e Instituto galego de Estatística”.

Por outra parte, fixo fincapé  na advertencia da propia  Real Academia Galega sobre os efectos do Decreto 79/2010 con negativas consecuencias para o ensino e lembrou que o obxectivo das galescolas, postas en marcha durante o goberno bipartito, tiñan como obxectivo que “a mocidade nas etapas máis temperás, tivera contacto coa lingua galega”.

Rodil asegurou  que hai moitas crianzas que non teñen ese contacto porque non llo transmiten na casa, nin na escola. Por outro lado, os medios de comunicación, produtos de consumo ou o audiovisual “tampouco teñen acceso ao galego”.

A pesar da obriga de fixar un tércio do horario semanal en galego  nestas etapas, recalcou a deputada do BNG, isto “non se cumpre”, o 50% das materias impartidas en galego en primaria, secundaria, bacharelato ou formación profesional, “tampouco se cumpre”. A maiores, engadiu  que apenas existen  produtos de dobraxe, cinema, DVDs, vídeos, debuxos animados en lingua galega cun acceso só do 4% polo que volveu  preguntar que  medidas recollidas o borrador que será presentado  o vindeiro 17 de abril.

A deputada recalcou que o galego parte “en termos históricos” dunha mellor situación que o éuscaro ou o catalán, pero ao contrario que estas dúas linguas, “o galego mantén unha tendencia de perda de falantes”. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Dimitir

Que vaia a calquer centro educativo de vigo, pontevedra ,coruña... Xa verà que sorpresa leva cando só escoite castelan e non lle saiban respostar en galego! Despois di que "hai un enorme entendenmento daa dúas linguas"! Acaso fai 20 anos non se entendian ambas linguas? Pero coa diferencia que agora, entre a mocidade, xa non se fala nada de nada! Polo tanto... Avances? NINGÚN! Deberia de dimitir

1 cesc

Moito fume, secretario, moito fume...