Por F.Glez.Tenreiro | Narón | 16/02/2011
Só nesta época que nos ten tocado vivir sería posible que unha persoa de perfil tan baixo como Marta – deixémolo así, para que máis? – a concursante "coruña" de Gran Hermano que ten revolucionado o portal de Youtube en Galiza (e tamén en España), puidese chegar a ser unha persoa coñecida.
E poucas veces temos atopado exemplos prácticos de autoodio étnico tan claros como este documento videográfico que nos regalou este programa, vendido no seu momento como un "experimento sociolóxico" e que rematou sendo unha galdrumada televisiva máis. Porén, neste caso, serviu para amosar aos galegos – que coñecen o problema pero que a maior parte das veces non o afrontan – e aos non galegos o "pecado orixinal" co que nacen todos os fillos de Breogán; unha especie de tara psicolóxica que nos reprime satisfacións, orgullos e coñecementos.
Resultan altamente interesantes as reaccións dos non galegos ao ver o vídeo; incredulidade, incomprensión e lástima para aqueles observadores que non teñen ningún prexuizo contra a nosa cultura; e comprensión, empatía e satisfación naqueles españois de mentalidade imperialista que ven refrendados os seus preconceitos por unha persoa á que consideran plenamente representativa do pobo sometido.
Definido a modo científico, o autodio é un complexo de inferioridade cultural propio dos pobos oprimidos ou colonizados e resultado de longos procesos históricos que rematan coa total asimilación da cultura colonizadora. A deviación psicolóxica espállase como un virus dende o vulgo até as esferas de poder autóctonas: tres exemplos actuais a nivel institucional son a nova política lingüística, a comparativa de investimentos na Fundación Cela e na de Rosalía de Castros (as dúas en Padrón) ou o menosprezo de sectores estratéxicos, asociados a formas de vida tradicionais das xentes do país.
O peor do caso é que todos nós – e isto, polo forte que soa, esixe de un esforzo espartano de autocrítica – digo que, todos nós, somos "Marta".
Todos nós, sendo máis ou menos conscientes, temos sufrido algunha vez deste autoodio, en diferentes formas. O poder e os medios de comunicación, intencionadamente, sempre tratan de esconder o fenómeno, poñéndolle outros nomes ou outras causas, ou entorpecendo o seu estudo desacreditando os personaxes que o denuncian... todo para ocultar o que verdadeiramente lles preocupa, a súa causa inicial; e sen coñecer a orixe dun problema, de sobras é sabido que resulta imposible atoparlle unha solución.
O presidente Feijóo dixo hai unhas semanas que “Galicia no se sienta en el diván del psiquiatra para ver qué es”. Ao meu modo de ver, conductas tan correntes como as de Marta fan necesario que nos sentemos canto antes nese diván.
Un problema desta magnitude – un lastre para o desenvolvemento social, cultural e económico – sería impensable de obviar nunha nación normal e sen problemas de identidade; imaxes como esta demostran, ao meu entender, que Galiza non o é. E ir ao psiquiatra non é ningunha vergoña, Sr. Feijóo; xente como Marta, si.