En marzo de 2014, IU, ICV, AGE, Chunta Aragonesista e outras forzas menores constituíron a coalición para ás eleccións europeas Esquerda Plural. Naquel momento Pablo Iglesias foi convidado a participar e con moito acerto anunciou a candidatura de Podemos baixo o principio de que a unidade popular “era a suma de persoas e non a suma de siglas” e que as coalicións impedían a participación democrática en primarias. Nada que engadir.
A formula de coalicións preelectorais no contexto democrático europeo son unha formula utilizada de xeito recorrente para afianzar espazos electorais a través de grados de unidade pero sempre tendo en conta tres características: 1) unha cultura democrática de respecto á diferenza inexistente na nosa realidade, 2) a aceptación de dous ou máis espazos orgánicos e políticos e 3) incorporación de mecanismos de participación real que corrixan os intereses das cúpulas partidarias (un caso de resolver esta situación é a de Compromís no PV, onde a característica de cooperativa política fai que funcione en realidade como un espazo de inscritos/as de diferentes correntes políticas.). De iso ía para moitos de nós o partido “instrumental”, que aseguraba a participación “entre iguais” e a soberanía “nacional” do proxecto como dous piares democráticos necesarios.
A historia das coalicións teñen amosado ademais do control polas cúpulas partidarias escenarios de moita inestabilidade e fraxilidade. Vexamos:
- Unidade Galega (PSG-POG-PG) presentouse as primeiras eleccións municipais e estourou antes de concluída a lexislatura.
- Coalición PSdG/EU-EG/Os Verdes. Presentouse nas eleccións autonómicas do 97. O seu resultado foi un fracaso estrepitoso diante dun BNG que naquel momento representou o máis parecido a un proxecto nacional que ten coñecido Galicia previo a EnMarea.
- AGE. Candidatura para eleccións autonómicas do 2012. Simplemente mantivo a formalidade dun comité de enlace e dun grupo parlamentar que aos dous anos saltou polos aires.
- AGEe. Candidatura para as eleccións europeas de 2014. Tras as eleccións nin tan sequera gardou as formas de manter un órgano político da coalición.
- Unidos Podemos. Candidatura para a repetición das xerais no 2016. Lonxe do previsible sorpasso anunciado fixo perder un millón de votos á suma de Podemos-EnMarea-Comú-Compromís e a Izquierda Unida.
A diferenza entre as Mareas Municipalistas e EnMarea, a pesar de ser concibido como un partido “instrumental” de inscritos/as, é que no primeiro caso a formulación impediu ás cúpulas dos partidos manter o control, producíndose un aggiornamento natural dos e das cidadás, namentres que en EnMarea os “motores auxiliares” adicaronse a boicotear o proxecto común desde o primeiro momento, uns por non crer nel e outros porque non lle saíron as contas.
Agora os que se din herdeiros políticos do 15M recuperan as posición políticas que defendeu no seu momento Cayo Lara. Un movemento que pode ser a solución (no caso de que se xestione con intelixencia) pero con seguridade é perigoso na súa xestión e simplemente devolvera á esquerda a niveis do 5% nun momento no que a cidadanía percebe que o instrumento de cambio esta na nova dereita.
En Marea debe reafirmarse no camiño encetado na súa asemblea fundacional de xuño de 2016 e despois decidir que alianzas manter e as que non, ten como frontispicio da súa iniciativa política a ética e o seu proxecto nacional.