Por Galicia Confidencial | Buenos Aires | 10/04/2018 | Actualizada ás 22:11
O Centro Galego de Buenos Aires volverá controlar Ospaña, a obra social dos emigrantes galego e españois e os seus descendentes residentes na República Arxentina. Unha decisión que adoptou o Goberno arxentino horas antes da chegada do presidente do goberno español, Mariano Rajoy, que está de visita en Arxentina.
Segundo publican os medios arxentinos, o goberno español e a Xunta de Galicia teñen moito que ver co destino final que terá esta entidade, protectora dos inmigrantes galegos na Arxentina desde fai máis de cen anos. A resolución da Superintendencia de Saúde, esixe que o Centro Galego designe aos seus representantes en forma inmediata nos órganos de dirección e fiscalización de Ospaña.
Ademais da devolución ao Centro Galego dos seus lugares na directiva de Ospaña, a nova resolución ordena que se revogue o mandato das súas actuais autoridades e que se pida ao Xulgado que intervén na causa, designar ao actual interventor de Centro Gallego, Martín Moyano Varro, na condución da entidade.
Ademais, o Ministerio de Relacións Exteriores de España, está a avaliar, a través da Axencia de Cooperación Internacional Española a compra do emblemático edificio da Avenida Belgrano para que a xestión sanitaria, en mans de Ospaña e o Centro Galego continúen cos servizos de saúde que veñen brindando para buscar unha solución definitiva á crise destas dúas institucións.
DEMANDA DA COMUNIDADE EMIGRANTE
Horas antes da chegada de Rajoy a Arxentina, o Muxo, un dos emigrantes galegos con máis influencia na comunidade galega nese país, lembraba, precisamente o gran apoio que unha iniciativa en Change.org para a devolución desa obra social ao Centro Gallego estaba tendo.
Tamén agardaba que Rajoy e Macri abordaran esta situación e lembraba que unha petición do Parlamento galego, aprobada por todos os grupos, reclamaba tamén ao Goberno español “actuacións concretas ante o Goberno Arxentino encamiñadas a solucionar definitivamente o gravísimo problema polo que atravesa a centenaria institución”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.