Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 20/04/2018 | Actualizada ás 14:00
O divorcio entre o sector do libro e a Xunta de Galicia é patente. O distanciamento é tal, que a Administración autonómica decidiu deixar literalmente tiradas a estas empresas culturais nas feiras internacionais do libro. E mentres mantén conxeladas para todo o sector as axudas á tradución do galego a outras linguas e doutros idiomas ao galego, paradoxalmente aumenta nada menos que un 106% o gasto en publicidade nos medios de comunicación co gallo do Día do Libro.
É obvio que, cando menos no plano propagandístico, ao Goberno galego lle sae máis rendible meter cartos nas arcas de determinados medios que investir directamente en literatura galega. As cifras son escandalosas; por exemplo: 200.000 euros anuais para tradución para todo o sector editorial vs 123.774,51 euros para a campaña puntual en medios do Día do Libro, dos que o 52% do total van parar ao soporte en decadencia, a prensa en papel. É máis, a Xunta leva xa destinados máis de 17 millóns de euros en campañas en medios en distintas partidas 2017-2018, sen contar outros convenios das distintas consellerías. Cifras estratosféricas para o resto do sector cultural, en xeral, e para o do libro, en particular, que mira con denteira como os editores de prensa seguen privilexiados mentres os de libros demandan maior atención ante a súa crise.
“É unha política que eu avalo. A Consellería de Educación e Cultura terá as súas razóns para facelo”, defende o vicepresidente Rueda.
Preguntado por esta política de conxelación de axudas ao libro e de incremento aos medios, o vicepresidente Alfonso Rueda, tras o Consello da Xunta deste xoves, respondeu a Galicia Confidencial: “É unha política que eu avalo. Apoio iso porque a Consellería de Educación e Cultura terá as súas razóns para facelo”.
Mentres a Xunta segue engordando ano tras ano as contas de determinados medios —mesmo por usar residualmente a lingua galega (La Voz e Faro de Vigo, que se editan en castelán, son os que, paradoxalmente, reciben máis axudas polo fomento do galego)—, as editoras de libros van minguando. O 'Informe sobre Datos da edición en Galicia 2006-2016' revela que houbo "menos títulos, menos tiraxe, menos editoriais e menos axudas institucionais para o libro galego no período 2006-2016". De feito, a evolución global da cifra de libros publicados en lingua galega ofrece unha caída dun 52,4% entre 2010 e 2016.
Os datos permiten concluír que un 50,7% do total de libros inscritos en ISBN en Galicia en 2016 foron publicados en galego. Esta cifra supón unha diferenza de 10,8 puntos porcentuais con respecto á do ano anterior, no que un 61,5% do total de libros inscritos no ISBN en Galicia foron publicados en galego. A produción de exemplares experimenta un recorte moi importante. Entre o punto de maior produción en 2011 e o 2016 reduciuse a produción nun 47%, o que supón 1,5 millóns de exemplares menos. Como consecuencia, as tiraxes medias tamén descenderon. No caso do consumo, o gasto en libros non de texto realizado polos fogares galegos na década 2006-2016 experimentou un decrecemento do 54,5%, o que supón case 47 millóns de euros menos.
"As políticas de gasto público non contribúen a mellorar esta situación, xa que os orzamentos dos principais programas de fomento do libro e da lectura sofren un gran recorte na última década, cun descenso que se sitúa por riba do 50%", explícase no documento, asinado pola Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega.
"No sector editorial hai un certo fartazgo, como evidenciou a recente polémica co gallo das feiras internacionais", recoñece Francisco Castro, director de Galaxia.
Entre 2011 e 2016, por exemplo, publicáronse 500 libros en lingua galega menos e descenderon de xeito alarmante as obras traducidas do galego; porén, e por comparar, en castelán aumentaron un 15%, en catalán un 15,9% e en éuscaro un 35,6%, segundo o infome 'Diagnose da cultura galega. Datos para unha estratexia cultural no século XXI', realizado polo Observatorio da Cultura Galega.
"A cifra total acumula dous anos consecutivos de descenso, mentres que noutras linguas cooficiais como o catalán ou o éuscaro a tendencia é ascendente nos últimos tres anos", salienta o informe sobre a edición do libro, recentemente publicado polo Consello da Cultura Galega.
Ese mesmo documento evidencia tamén a caída estrepitosa das tiradas e difusión das publicacións periódicas (xornais e revistas), malia o cal a Xunta seguiu aumentándolles as axudas mediante subvencións e pola vía da publicidade, principalmente. Por exemplo, só entre 2011 e 2016, a tiraxe de La Voz de Galicia —o máis beneficiado pola Xunta— diminuíu nun 25,3% e as vendas de exemplares caeron un 24,6%. E esta decadencia segue en marcha.
Que explicación ten que a Xunta manteña e mesmo aumente as axudas millonarias a este tipo de medios, volvendo a encher as súas arcas co gallo do Día do Libro, mentres mantén conxelado o sector do libro? Algúns editores dan os seus argumentos: Francisco Castro (director de Editorial Galaxia), Belén López Vázquez (directora de Baía Edicións) e Henrique Alvarellos (director de Alvarellos Editora).
"O gasto da Xunta no Día do Libro semella unha escusa para seguir financiando a determinados medios afíns ou pouco críticos".
FRANCISCO CASTRO - GALAXIA
Falar de axudas da Xunta á industria editorial é, para Francisco Castro, "pouco menos que unha esaxeración".
"Como ben sinala a información publicada por vós, é algo absolutamente precario, que non chega nin para empezar. Unha industria profesional, co nivel de gastos que ten na produción de libros, con esa 'axuda' non vai a ningunha parte", láiase o director da máis antiga das editoriais galegas, Galaxia.
Castro recoñece que "no sector editorial hai un certo fartazgo, como evidenciou a recente polémica co gallo das feiras internacionais, onde a Xunta se limitaba a pouco máis que poñer un stand con persoal sen cualificar, e pouco máis".
"Na Xunta saben positivamente que ese tipo de campañas non conseguen nin un só lector. Son propaganda política para dar a sensación de que se fai algo polo libro e a lectura".
"A Xunta esquece que ten que axudar á cultura galega. Xa non direi á industria editorial, senón á cultura en xeral. E non é porque llo pidamos, senón porque está no Estatuto de Galicia. E a nosa situación é de absoluta precariedade, entre outras cousas, polo desinterese da Administración", advirte o escritor e director de Galaxia, que tamén foi presidente de GALIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil), entre 2010 e 2015.
Francisco Castro considera "inevitables as comparacións con outras autonomías do Estado que teñen tamén a súa propia realidade lingüística diferenciada do castelán". Así, contrasta o apoio da Generalitat de Cataluña ou do Goberno Vasco ás súas editoras co da Xunta, que considera "ridículo".
"Tanto é así", di, "que este úlitimo ano a industria cultural en éuscaro xa sobrepasou en volume de facturación á galega. E cando falas coas compañeiras e compañeiros de Euskadi, son claros ao respecto e sinalan que alí teñen unha Administración cómplice", compara Castro.
"É vergoñento, e descarado, que primen a prensa en papel cando a mocidade está no universo dixital. Isto só pode ser ou unha táctica perversa ou pura ignorancia".
Sobre o gasto que a Xunta fai este ano en medios xornalísticos co gallo do Día do Libro, Francisco Castro opina que "é un chisco descarado". "Semella unha escusa para seguir financiando a determinados medios afíns ou pouco críticos, tomando como escusa o libro", critica o director de Galaxia, moi duro coa política de axudas da Xunta e as súas estratexias.
"É vergoñento, e descarado, que primen a prensa en papel cando a mocidade (a eles haberá que destinar as campañas) está no universo dixital. Os xornais en papel son importantes, afortunadamente, pero o futuro da lectura e do libro xógase no universo dixital. Que ignoren isto só pode ser ou unha táctica perversa ou pura ignorancia".
Pero Castro vais máis aló e cuestiona a eficacia deste tipo de campañas: "Quedará politicamente moi bonito unha páxina enteira nun xornal dicindo que hai que ler. Pero é só propaganda. Eles saben positivamente que ese tipo de campañas non conseguen nin un só lector. Son propaganda política para dar a sensación de que se fai algo polo libro e a lectura. Se todos eses cartos se dedicasen a promoción real da lectura (xa non digo que haxa que dedicalas á industria editorial), sería moito mellor".
Que lle pide Castro como editor á Consellería de Cultura? "Pois que sexa unha Consellería de cultura, que exerza como tal, que fale cos profesionais e se nos pida como elaborar de verdade un plan para facer lectoras e lectores en galego".
Pero tamén demanda da Admistración autonómica "que se deixe de propaganda e que destine de verdade os recursos a un traballo a longo prazo para facer lectores en galego, espallar de verdade o libro e axudar a que as editoras en lingua galega poidamos facer algo mellor o noso camiño".
"Temos necesidade de investimento público en promocíón do libro e lectura. Este debería ser o obxectivo fundamental dunha Secretaría do Libro e a Lectura, que non existe".
BELÉN LÓPEZ VÁZQUEZ - BAÍA EDITORES
Desde Baía Edicións tamén se solicita á Xunta que vire na súa política sobre o libro galego. A súa directora, Belén López, demanda a creación dunha Secretaría do Libro e a Lectura.
"Como editora, non podo negar o interese e necesidade de investimento público en promocíón do libro e a lectura. Este debería ser o obxectivo fundamental dunha Secretaría do Libro e a Lectura, que non existe, ou, cando menos, dunha Subdirección, que tampouco temos", explica.
López considera "unha mágoa" o feito de que "o único departamento dedicado de forma clara ao libro no organigrama da Consellería de Educación, Cultura e Ordenación Universistaria sexa a Subdirección Xeral de Bibliotecas, cunhas funcións dunha importancia vital no acceso á cultura do libro, pero moi concretas e limitadas ao ámbito que lle é propio, as bibliotecas".
"Que se invista en promover o Día do Libro máis da metade do importe do asignado á compra do obxecto que promoves semella algo desequilibrado e sen sentido".
A directora de Baía Edicións recoñece nas bibliotecas "o mellor invento da humanidade para o acceso en igualdade de oportunidades á cultura e coñecemento en xeral". Por iso, recoñécese "sorprendida" polo feito de que "a partida orzamentaria para a dotación de fondos bibliográficos pasase de 350.000 euros no ano 2017 a 200.000 euros para o ano 2018, cun descenso de 150.000 euros, seguindo a liña de baixada continuada, desde o seu máximo de 1.000.000 de euros".
"Por comparación", di, "que se invista en promover o Día do Libro máis da metade do importe do asignado á compra do obxecto que promoves semella algo desequilibrado e sen sentido". Nesa liña, argumenta que "se ademais observamos e comparamos o ascenso dun importe co descenso do outro, semella que un investimento –a publicidade– substitúe o outro –o libro–".
Con todo, e aínda que entende que "a promoción do libro e a lectura debe ser ampla e continua, con accións institucionais variadas, e non debe limitarse a unha ou dúas campañas publicitarias puntuais ao ano", Belén López agarda que o aumento orzamentario da Xunta en publicidade nos medios "resulte nunha campaña excelente de promoción do libro e non do organismo que o financia".
"As empresas, e o sector cultural en xeral, estamos condenados a unha resistencia na que xa levamos moito tempo e da que non se albisca saída".
HENRIQUE ALVARELLOS - ALVARELLOS EDITORA
O diagnóstico de Henrique Alvarellos é similar ao dos seus colegas: malo para o sector.
"Como responsable, desde hai quince anos, dunha pequena (pero moi activa) editorial galega, penso que o panorama editorial e cultural do país é enormemente delicado. As empresas, e o sector cultural en xeral, estamos condenados a unha resistencia na que xa levamos moito tempo e da que non se albisca saída, polo menos a curto prazo", comenta Alvarellos, que tamén é vicepresidente na xunta directiva da Asociación Galega de Editoras (AGE).
Este editor sente que "as políticas culturais fallan, ou non chegan, ou non se deseñan con acerto". E isto, di, exprésase na curva das estatísticas do sector, que "sempre é descendente, no número de bibliotecas, no número de usuarios de bibliotecas, no número de títulos publicados en galego, no número de lectores/as...".
"Coa nosa cultura, non ter unha industria editorial á súa altura é unha vergonza".
Con todo, asume que "o problema é tan grave como transversal" e "as responsabilidades son compartidas nunha sociedade na que os novos impactos visuais e dixitais a manteñen, creo, bastante despistada". "E todo isto", engade, "afecta a ese motor do coñecemento que é a lectura, e para nós, a lectura en galego".
Henrique Alvarellos non quere que as súas palabras "soen a manifesto apocalíptico" nin que "sirvan para paralizarse na queixa". Así, defende que "un fala e critica para activar as conciencias dos que teñen o poder de cambiar rumbos" e lamenta que "coa nosa cultura, non ter unha industria editorial á súa altura é unha vergonza".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.