Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/04/2018 | Actualizada ás 20:37
Os representantes do Goberno galego non prevén acudir este venres á convocatoria sindical para abordar o conflito da xustiza ao entender que o comité de folga do sector xudicial, en paro indefinido desde hai máis de dous meses, non ten vontade real de negociar. Así o trasladaron a Europa Press fontes do departamento que dirixe o vicepresidente, Alfonso Rueda.
Como argumento, as mesmas fontes aluden ao escrito "aclaratorio" que recibiron nesta xornada e no que os sindicatos inciden en que dita reunión "debe circunscribirse á explicación por parte da Xunta á oferta de 300 euros realizada" polo vicepresidente. De feito, os traballadores destacaron este xoves que se hai unha suba de 300 euros "asinan inmediatamente" e paran as protestas.
Nesta conxuntura, e aínda que o escrito nun punto previo reitera a "total dispoñibilidade" dos sindicatos "a seguir negociando", a Xunta entende que, se a reunión ten que "circunscribirse" a unha explicación, non será útil para avanzar e desbloquear a folga.
Reitera, iso si, que ten "toda a disposición" a volver negociar sempre que sexa no "marco económico" da súa última proposta: unha subida salarial de 135 euros ao mes para forenses, 133 para xestores, 108 para tramitadores e 105 para corpos de auxilio.
Rueda defendeu que esta proposta para o complemento autonómico transitorio (CAT) dos traballadores da xustiza, sumada ao incremento pactado en Madrid para todos os empregados públicos, suporía un aumento salarial mensual dun 14%, é dicir, uns 300 euros.
Pola súa banda, fontes do comité de folga consultadas por Europa Press sosteñen que se a Xunta non participa neste encontro evidencia "o que lle importa a xustiza" e que "non quere negociar", senón continuar instalada "nunha estratexia de desgaste" para tentar "afundir a folga".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.