O mundo da cultura gaba a Manuel Bragado tras renunciar a seguir dirixindo Xerais

O xa ex-director xeral da editorial fixo pública a súa renuncia "a petición propia" para "volver á escola a comezos do vindeiro curso e continuar colaborando con Xerais e coas outras empresas do Grupo Anaya na súa estratexia de edición en Galicia". A nova suscitou numerosas reaccións de agarimo e recoñecemento á súa labor á fronte da editorial durante 24 anos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 13/04/2018 | Actualizada ás 10:26

Comparte esta noticia

Cunha nota moi concisa, de 90 palabras, Editorial Xerais de Galicia despídese de Manuel Bragado, o home que dirixiu os últimos 24 anos desta empresa, seguramente os máis esplendorosos desde que foi fundada en 1979. 90 palabras que teñen conmocionado o mundo da cultura galega, sabedor da autoridade intelectual —e mesmo moral e ética— que Bragado exercía no eido editorial, pero tamén na cultura galega en xeral. De aí a conmoción que causou a nova. A súa marcha é, segundo o breve comunicado, "a petición propia". 

Manuel Bragado
Manuel Bragado | Fonte: Xerais.

Unhas horas despois de coñecerse a nova, o propio Bragado —que continuará colaborando coas empresas do Grupo Anaya en Galicia como asesor editorial— facía público na mañá deste xoves outro comunicado, este persoal, de despedida e agradecemento. Neste, escribiu: 

Foron moi dificiles os últimos días. A petición propia, onte deixei de ser director de Xerais. Foi unha decisión meditada coa que pretendo volver á escola a comezos do vindeiro curso e continuar colaborando con Xerais e coas outras empresas do Grupo Anaya na súa estratexia de edición en Galicia. Hoxe non podo expresar máis que a miña máis fonda gratitude a todas persoas coas que colaborei neste vinte e oito anos intensos e inesquecibles nos que tiven a fortuna  de formar parte do cadro de profesionais de Xerais, ao tempo que ofrezo as miñas desculpas polos erros, probablemente moitos, que puidera ter cometido. Sei que este é un momento de esperanza nun tempo de incerteza. Xaora, sei que está asegurada a continuidade anovada do proxecto editorial de Xerais como piar e líder da edición en lingua galega. Con todos os abrazos para todas as persoas coas comparto azos e esperanzas. Beizón!

REACCIÓNS

A propia editorial —onde Bragado entrou a traballar en 1990, sendo catro anos despois nomeado director xeral— "agradécelle a profunda e comprometida dedicación destes 28 anos desenvolvendo un proxecto editorial que dinamizou e liderou durante 24 anos".

"Todo este tempo supuxo un intenso revulsivo para a proxección social da cultura galega a través dos libros e a lectura", conclúe Xerais no seu comunicado.

Xa a título persoal, outras reaccións de persoeiros da cultura galega non se fixeron agardar. Un dos máis sentidos e elocuentes foi o xornalista e escritor Manuel Rivas, quen escribía en Twitter: "Manuel Bragado, editor e mestre, loitador e xeneroso, amante do libro, activista cultural, librepensador, encarna a decencia ordinaria. Coa mellor madeira da Humanidade non hai adeus senón rexurdir".

O tamén escritor Antonio M. Fraga expresaba o seu pesar por esta nova: "É un día triste, mais tamén un día para agradecer. Moitas grazas, Manuel Bragado, polo teu traballo titánico a prol da cultura galega. Grazas, editor, polo teu apoio esperanzado a toda unha xeración de autores e autoras. A mellor das sortes nesta nova andaina".

O crítico, profesor, tradutor e escritor Ramón Nicolás considerou que "esta decisión vai posibilitar, por extensión e aínda que el non o procure, que se valore na súa xusta dimensión, con xustiza e ecuanimidade, o ininterrompido e valioso labor que desde hai tantos vén realizando no mundo da edición e da cultura galega" Manuel Bragado.

A escritora Ledicia Costas recoñecía o seu "orgullo" por "ter traballado cun editor desta categoría" e declaraba a Bragado: "o capitán de Xerais, o meu capitán, hoxe máis ca nunca". Tamén Marcos Calveiro dáballe as "grazas polos afectos, polo traballo, pola paixón, polas conversas, polas ensinanzas...", e a tamén literata Marilar Aleixandre agradecíalle a "todo o seu traballo, compromiso e amizade nestes anos" e recoñecía que "sen ese traballo a cultura galega sería moi distinta".

Sentida homenaxe tamén lle dedicou a presentadora da CRTVG e escritora María Solar, quen deu as grazas a Bragado "polos afectos, pola profesionalidade, por ser amigo e editor", mais tamén por "facer incontables quilómetros comigo de presentación en presentación", "por estar, por axudarme a ser e a medrar" e "por tantos anos de cultura".

O ilustrador Kiko Dasilva escribía tamén: "O mundo da edición en galego perde a uns dos seus grandes pilares fundamentais. Un editor entusiasta, coñecedor como poucos do sector do libro. A Cultura Galega non sería igual sen Manuel Bragado. Beizóns amigo".

A estes agradecementos sumouse, entre outros moitos, o escritor Santiago Lopo, quen agradeceu a Bragado "rescatar tantas das nosas historias da brétema e darlles vida en Xerais". Ou o escritor e crítico Henrique Rabuñal, quen manifestou que "o país, a cultura e o libro débenlle moitísimo a Bragado".

Palabras de agarimo tamén recibiu das empresas editoras, como Oqueleo (sección galega de Santillana), que cualificou a Bragado como "un dos referentes no eido da edición, e no do compromiso cultural e social co país", ou Alvarellos Editora, que, desexou "toda a sorte no futuro para Manuel Bragado, dende o fondo afecto e amizade, e a admiración profesional".

A comisión executiva da Asociación Galega de Editoras recoñeceu "o traballo e a dedicación" de Bragado como editor de Xerais e recordou "con agarimo" que presidiu entre os anos 2010 e 2014 esta asociación, que tamén foi presidente do Culturgal, e que "sempre estivo ao servizo do sector editorial galego, implicado de forma xenerosa na defensa da cultura do noso país".

"Desexámoslle todo o mellor para a nova andaina que agora inicia, co convencemento de que seguiremos contando co seu bo facer desde calquera dos eidos culturais ou educativos que a partir de agora emprenda", conclúe a Asociación Galega de Editoras nun comunicado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 uiuiuiui

Por que marcha?