Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/04/2018 | Actualizada ás 13:35
O portavoz de En Marea, Luís Villares, cre que Paula Quinteiro cometeu "un abuso de poder" cando esgrimiu a súa condición de deputada fronte aos axentes que realizaban un control nocturno por vandalismo durante a madrugada do 18 de marzo. Así, reafirmouse en que a parlamentaria debe presentar a súa renuncia porque eses feitos "pon en cuestión" a "confianza" depositada polos votantes do partido instrumental e a súa "oferta política" á cidadanía.
"Viñemos á política a renunciar aos privilexios, a calquera consideración de abuso da nosa condición como representantes dos demais", declarou Luís Villares (Lugo, 1978) nunha entrevista concedida a Europa Press, na que remarcou que Paula Quinteiro empregou o "privilexio" de ser representante público nunha situación "particular", o que "vulnera" os principios que predica En Marea.
A dimisión de Juan Merlo como deputado e secretario de Organización de Podemos logo de coñecerse, como publicou 'ABC', que mentiu no seu currículo e o anuncio de Xoán Hermida de renunciar á acta que lle correspondería como número seis de En Marea por Pontevedra logo de que saíse a luz un altercado cuns axentes da policía, constitúen para Villares "xestos" que os "honran politicamente" por ir na liña do "alto compromiso ético" que pon sobre a mesa a esquerda rupturista. Para o portavoz, Paula Quinteiro debe "tomar exemplo" das súas actuacións.
"Calquera proxecto político para ser viable ten que ser crible e serio. Iso significa ter coherencia entre o que dicimos e o que facemos", remarcou, para logo facer fincapé en que a imaxe que se proxecta por este asunto "non" defrauda ao electorado. Segundo Villares, En Marea si decepcionaría se o "resultado final" do caso non fose acorde aos "principios" que defenden como proxecto político. "Será clave como o pechemos", apostilou.
Para o maxistrado, convén que a resolución do asunto "non se alargue indefinidamente" pero apunta que entre as súas "funcións" como portavoz, tanto parlamentario como orgánico, non está a de "determinar unha data" límite. Nesta liña, reitera que é Quinteiro quen debe afrontar a decisión e que "ninguén" pode tomala "por ela". "Espero que teña a suficiente madurez política para tomala", incidiu.
Cuestionado sobre a afirmación de Quinteiro de que Villares foi unha das primeiras persoas en ser informado dos feitos, o maxistrado asegura que descoñece se foi "dos primeiros ou dos últimos" en recibir a chamada da súa compañeira de grupo. "Só sei que a min me chama despois de que a ela a chame o presidente do Parlamento", esgrimiu.
CONSULTA
O maxistrado lucense, após gardar silencio durante case dúas semanas, pediu publicamente a Quinteiro que renunciase a súa acta e abriu a porta a realizar dunha consulta entre as bases de En Marea sobre a súa continuidade no Grupo Parlamentario que, en todo caso, non foi aínda convocada a pesar de que nun primeiro momento falouse de que podería levarse a cabo de forma inminente.
Villares remarca que o "veredicto" das persoas inscritas de En Marea sería "inapelable" porque son as bases quen teñen a "lexitimidade" para resolver a existencia dunha "discrepancia" entre os órganos representativos e directivos do partido instrumental.
"A consulta é unha solución adicional no caso de que se vise que hai un problema que está enquistado. Ninguén, ningunha cúpula de ningunha organización está por encima das persoas inscritas. Non hai nada por encima diso", incidiu na entrevista concedida a Europa Press Luís Villares, quen cre que existen sectores dentro do partido instrumental que pretenden "presentar interesadamente" que existe "un enfrontamento" entre o Grupo Parlamentario e a dirección do partido instrumental.
Villares xustifica a súa abstención nas votacións do grupo --que acordaron a apertura dun expediente a Quinteiro que, como confirma, está en mans da Comisión de Garantías-- porque "non quería" que a súa posición "condicionase a opinión de terceiros" e, a continuación, limita o seu criterio do caso a cuestións "políticas". "Non actúo como xuíz, non emito veredictos senón posicións políticas", engade.
O maxistrado nega que o caso de Quinteiro exhiba a división interna que existe no foro interno de En Marea desde fai máis dun ano e asegura que non pode lerse este asunto en termos de confrontación de posturas sobre o rumbo do partido instrumental. Así, cre que é "absolutamente inapropiado" entender que as posicións sobre a continuidade da deputada teñan como "transfondo" a existencia de dous sectores dentro de En Marea.
"Son escusas de mal pagador", afirma, para logo reiterar que cre que se trata de "unha forma de evadir responsabilidades" que, ao seu xuízo, recaen unicamente na deputada. "É un mal camiño", apostila, antes de indicar que non teme que se produzan movementos internos para desbancalo da portavocía porque confía "moito nas bases" e non "no poder dos aristócratas".
RELACIÓN CON PODEMOS E OS ALCALDES
En canto á actitude da secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, que criticou abertamente a xestión de Villares do asunto de Quinteiro e, mesmo, deu por fracasado o modelo de En Marea como partido instrumental; Villares lamenta que se instalase no seo rupturista "un discurso de nós e vostoros", á vez que instou a que se existen disparidade de "obxectivos" entre os diferentes actores da unidade popular "alguén terá que explicalos".
"A min non me interesa se unha cúpula dun partido saca beneficio ou prexuízo dunha situación", manifestou Villares para logo lanzar unha mensaxe a Santos: "O que sería un fracaso sería romper a unidade popular sen lograr os obxectivos políticos que viñemos a cumprir. Mentres a xente que confiou en nós non vexa cumprido os obxectivos de xustiza social, de democracia, de futuro político digno para o noso país, non hai motivo para irse a ningún sitio".
Nesta liña, pide "lealdade" ao proxecto de En Marea porque os "obxectivos políticos" das forzas que o conforman son os mesmos e, polo momento, non se lograron. "Cumprimos cos estándares de xustiza social desexables para vivir con dignidade? Non. Entón, que facemos desviándonos do principal?", pregúntase Villares.
"Eu desde logo apoio plenamente aos alcaldes", di o maxistrado en excedencia á pregunta de se sente apoiado polos rexedores 'do cambio'. Así, di non ter "ningún tipo de fisura a nivel político ou institucional" con eles, aínda que admite que non están de acordo "en todo", algo que "non sería crible" nun espazo político como o de En Marea. "Creo que son compatibles ambas as cousas", pecha.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.