"Dende residuos de ENCE, até chapapote do 'Prestige' e lixo urbano" na mina de Touro

A Asociación Aldea Viva denuncia ante a Consellería de Medio Ambiente a xestión que están a facer no lugar as empresas de valorización desta mina e solicita que se inicie a inspección da zona de verteduras dos residuos.

Por Galicia Confidencial | | 19/04/2018 | Actualizada ás 10:12

Comparte esta noticia

"Dende residuos de ENCE, a contedores de chapapote do Prestige, residuos urbanos e vertedoiro 'municipal', ou até o intento de enterramento de reses mortas durante a crise das vacas tolas, os terreos da antiga mina de Touro parecen dar cabida a todo aquelo que noutro sitio non interesa". Este é o panorama que denuncia a Asociación Aldea Viva, que vén de presentar un escrito dirixido á Consellería de Medio Ambiente para denunciar a xestión que están a facer no lugar as empresas de valorización desta mina.

Vertedoiro en terreos da mina de Touro.
Vertedoiro en terreos da mina de Touro.

Aldea Viva insta á Consellería a "cumprir as súas obrigas e coñecer que residuos se verten nos terreos da mina de Touro". Faino mediante un escrito no que solicita á Xunta que requira á empresa TEN, S.L. e aos demais operadores a documentación que acredite, a través dos seus libros e rexistros, os residuos que depositaron na zona, facendo mención ao Decreto 59/2009 da Xunta de Galicia, polo que se regula a trazabilidade dos residuos, e que obriga aos xestores que realicen operacións de almacenamento, valorización ou eliminación, a levar un rexistro documental dos residuos producidos e/ou xestionados.

"A día de hoxe, calquera que se achegue ás extensas áreas da antiga explotación mineira nas que se depositan os supostos tecnosoles pode atopar a simple vista nesa mestura todo tipo de restos plásticos ou envases mesmo de medicamentos. En épocas de choiva os lixiviados destes materiais aos ríos é constante; e os cheiros permanentes", describen os denunciantes, que recordan que, "co tempo, acabaron instalándose aí empresas como Tratamientos Ecológicos del Noroeste S.L. (TEN) e outros operadores que se autodenominan «empresas de valorización», que entre outros producen os denominados tecnosoles”.

Aldea Viva lembra á Consellería de Medio Ambiente a natureza da Lei 22/2011 de Residuos, que establece os principios da política de residuos e a protección da saúde humana e o medio ambiente por parte das autoridades, para que non se xeren riscos para as augas, o aire, o solo, nin se causen incomodidades por malos olores ou ruídos.

Neste contexto, e tendo en conta que segundo os propios datos das empresas, estas recepcionan milleiros de toneladas de residuos e de que se están substanciando xa varias denuncias, insta a Medio Ambiente a que inicie a inspección da zona de verteduras dos residuos para comprobar se se están a cumprir as obrigas dos xestores relativas ao almacenamento, mestura e envasado dos mesmos, (artigos 18 e 20 da Lei 22/2011), e que así mesmo, se aplique no seu caso o réxime sancionador ao abeiro da Lei 26/2007 de Responsabilidade Medioambiental e cos principios de que “quen contamina, paga”.

Aldea Viva denuncia que colectores con chapapote do 'Prestige' foron trasladados a Touro.
Aldea Viva denuncia que colectores con chapapote do 'Prestige' foron trasladados a Touro.

Lodos nos terreos da antiga mina de cobre de Touro.
Lodos nos terreos da antiga mina de cobre de Touro.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta