Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 22/04/2018
Co Código Penal vixente na mán, non pode existir delicto de rebelión porque non existe a violencia física que esixe o seu artigo 472.5. Violencia física que é tan consubstancial ao delicto que o artigo 479 regula o requirimento aos rebeldes que aínda non abrisen fogo. O Tribunal Superior de Schleswig Hollstein viuno claro e calquera xuiz honrado e preparado ha velo coa mesma claridade.
Tampouco existe unha sedición que tamèn esixe a violencia do alzamento público e “tumultuario”, é dicir a utilización planificada para fins políticos de continuadas desordes públicas. A xurisprudencia do propio Tribunal Supremo –TS-- español (até de agora, dende agora sabe Deus) define a sedición como unha rebelión en pequeno, de fins máis concretas, sempre violenta.
E tampouco existe delicto de malversación. A Interventora Xeral da Generalitat certificou a plena legalidade de todos os gastos do orzamento do 2017 e o Ministro de Facenda ven de ratificar a devandita legalidade. E este argumento é definitivo. Cómpre lembrar que o Ministro de Facenda controla totalmente a Facenda catalá dende o 28 de outubro e xa a controlaba parcialmente dende o 17 de setembro. Agora algúns inventores do Dº Penal dín que tamén se pode malversar alugando locais para mitins. Argumento ben choqueiro que faría rir se as circunstancias non fosen tan dramáticas.
E son tan dramáticas porque nas Salas do Penal do TS e da Audiencia Nacional estase a aplicar un Dereito Penal do Inimigo á turca que inventa ao seu xeito as condutas constitutivas de delicto, ao tempo de inventar as normas da competencia dos propios Tribunais. Velaí porque tantas persoas, na Catalunya, na Galicia e na Europa toda, perceban que o que está en risco son o Estado de Dereito, os dereitos fundamentais e a democracia.