Reprobado o presidente da Deputación de Lugo coa ausencia de Martínez e abstención do BNG

Campos critica a "mediocridade da oposición" e reivindica fronte a isto a inxección de 129 millóns na provincia en dous anos e medio.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/04/2018 | Actualizada ás 18:51

Comparte esta noticia

O presidente da Deputación de Lugo, o socialista Darío Campos, foi reprobado polo pleno provincial, por mor dunha moción que presentou o PP. Durante a votación, o BNG abstívose e o alcalde de Becerreá e exvicepresidente da institución provincial, Manuel Martínez, ausentouse.

O pleno da Diputaciónd e Lugo reproba ao seu presidente
O pleno da Diputaciónd e Lugo reproba ao seu presidente | Fonte: Europa Press

A suma de 12 deputados do PP foi suficiente para reprobar a Campos, que só obtivo o respaldo do seu grupo, o socialista, que conta con 10 representantes. O Bloque, con dous, abstívose e o exvicepresidente da Deputación abandonou o pleno para evitar votar.

A portavoz popular, Elena Candia, espuxo que esta proposición tiña como finalidade que o presidente provincial "rectifique coa forma que ten de facer política". Nesta liña, avogou por que os socialistas deixen ao carón os conflitos internos do partido, após o novo enfrontamento con Manuel Martínez.

"Témonos que centrar naquilo que nos une. Este grupo sempre se ofreceu ao presidente para construír provincia e que deixe de utilizar a Deputación para dar labazadas aos seus compañeiros", destacou Candia antes de entrar no pleno.

"ESPERPENTO"

Pola súa banda, Campos interpretou que dita reprobación obedece "ao circo e ao esperpento que o Partido Popular quere levar á institución". "Nós limitámonos a traballar e sacar adiante os temas importantes para os veciños de Lugo. O PP só se preocupa do circo que quere instalar na Deputación", criticou.

No seu discurso, atribuíu "mediocridade" á oposición e reivindicou facer "política" fronte a iso. "Os máis bisoños converteron a política nunha cuestión aritmética", lamentou, censurando aínda a aqueles aos que "só lles importa o inmediato, o visible, o curto".

"Eu non vin á política a facer espectáculo nin ruído, vin construír para todos os veciños. Desde que son presidente, só me propuxen sacar adiante iniciativas que permitisen a esta provincia, cando menos, sobrevivir e recuperarse do desprezo das políticas de dereitas do PP desde a Xunta e o Goberno central", subliñouCampos .

Nesta liña, chamou a atención sobre o labor feito nos dous últimos anos e medio, nos que, ao seu xuízo, a Deputación converteuse en "motor económico e social" da provincia, após a inxección de máis de 129 millóns de euros, segundo as súas cifras. De acordo cos seus datos, foron 55 millóns en obra pública, 31 para "impulsar" o estado de benestar, 28,5 para "dinamizar" o rural e 15 para o deporte.

Na súa opinión, o traballo do actual goberno, coa "inestimable implicación" dos traballadores públicos, "aos que o PP castigou sen razón", supuxo que esta administración "sexa hoxe o corazón da provincia". "Unha Deputación coas persoas, sumamente social e rural", segundo recalcou.

"PELEXA"

Pola súa banda, o portavoz nacionalista, Xosé Ferreiro, xustificou a abstención do seu grupo ao entender que non lles poden "pillar nesa pelexa que teñen entre eles para ver quen manda máis". "Non é de recibo que un goberno como o que preside Darío Campos tivese catro vicepresidentes. Iso xa indica a incapacidade para levar o goberno, pero tampouco pode ser que apoiemos unha proposta por un partido que tenta aproveitarse das disidencias ou das posibles saídas de persoas que foron elixidas por outro partido para alcanzar cotas de poder nesta institución", resolveu Ferreiro.

Após a reprobación, pechou as intervencións Darío Campos, quen defendeu que a "política ten que estar arroupada por discursos certos e non por intereses electoralistas dunha organización política ou dunha persona". "Iso é mesquiño", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta