Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/04/2018 | Actualizada ás 20:18
O número seis da lista de En Marea por Pontevedra, Xoán Hermida, non asumirá a súa acta como deputado do partido instrumental, aínda que tampouco entra nos seus plans renunciar a ela ata que non se resolva a continuidade no Pazo do Hórreo de Paula Quinteiro.
Deste xeito, segundo apuntou o propio Hermida, En Marea podería permanecer cun deputado menos dos que lle corresponden ata que se coñeza o resultado da consulta ás bases sobre a continuidade de Quinteiro. A dirección do partido instrumental ten previsto convocar nas próximas datas a consulta.
Hermida foi proclamado o pasado venres pola xunta electoral como deputado electo no Parlamento de Galicia. Isto ocorreu cando o seu predecesor na lista de En Marea pola provincia pontevedresa, Juan Merlo, formalizase a súa dimisión, anunciada o 13 de abril cando se soubo que mentira no seu currículo.
O regulamento da Cámara galega establece no seu artigo 25 do Título II que aqueles parlamentarios que adquiran a súa condición de deputados "con posterioridade" á constitución do Parlamento "deberán incorporarse a un grupo parlamentario dentro do cinco días seguintes" á súa proclamación pola xunta electoral. En caso de non facelo, o deputado quedaría asignado directamente ao Grupo Mixto. Por iso, a Mesa do Parlamento convocou unha reunión extraordinaria para este xoves, día no que se cumpre o prazo para que Hermida informe sobre a súa adscrición a un grupo.
NON ASUMIRÁ A ACTA, TAMPOUCO RENUNCIARÁ
Con todo, o excoordinador de Marea de Pontevedra asegurou que, a pesar de que se reafirma na súa decisión de non asumir a acta que lle corresponde como número seis da lista electoral, tampouco entra nos seus plans presentar a súa renuncia formal ata que non se resolva a continuidade de Paula Quinteiro como parlamentaria.
Hermida anunciou hai dúas semanas que renunciaba a asumir a acta que lle correspondería en caso de producirse unha baixa no Grupo Parlamentario de En Marea. O político anunciaba isto logo de publicarse que se vira envolvido nun incidente coa Policía Municipal de Pontevedra.
Fíxoo o pasado 12 de abril en pleno debate interno sobre o caso de Paula Quinteiro, a deputada, membro de Podemos, que presuntamente mostrou a súa condición de parlamentaria nun control policial por vandalismo na madrugada do 18 de marzo.
Un día máis tarde do anuncio de Hermida, Juan Merlo, parlamentario de En Marea tamén por Pontevedra, igual que Quinteiro, presentou a súa dimisión como deputado e secretario de Organización de Podemos. Facíao logo de coñecerse que inflara o seu currículo, no que figuraba que era enxeñeiro cando non tiña estudos neste campo.
Este xoves, Xoán Hermida remarcou que o seu anuncio non tivo que ver co ocorrido posteriormente con Juan Merlo, senón que foi unha forma de marcar o "cumprimento dos principios éticos" que deben asumir as persoas que representan un "proxecto político" como o de En Marea.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.