Por F.Glez.Tenreiro | Narón | 27/02/2011
A maioría cobra soldos por riba dos mil euros, sempre contan cun mes de vacacións no verán e hai que pagarlles horas extras para que traballen máis de 39 horas por semana.
Parecen ter máis dereitos que deberes, non maximizan cada minuto da súa xornada laboral e poden ir ao baño tantas veces como queiran.
Cobran dietas, teñen seguro médico e todo o material de traballo lles é costeado pola empresa, ou sexa, por nós!!
Pagámoslles para que nos resolvan os nosos problemas burocráticos, ensinen aos nosos fillos, curen aos nosos enfermos e recollan o noso lixo. Todos deberían ser iguais, porque son funcionarios, e lles pagamos para que sexan iguais, mais dependendo da tarefa que desempeñen uns son máis desagradecidos que outros.
Sabemos que son menos eficientes que os empregados das empresas privadas, os cales se deixan a pel por un empresario que cre neles e que lles da a oportunidade de vivir o "soño americano": comezar desde abaixo para rematar forrado.
É evidente, tamén, que son menos simpáticos; sempre contestan ás túas preguntas directamente, a secas, sen adobiar as respostas con ofertas nen regalos e sen utilizar a palabra “gratis” en ningún momento.
Por teléfono son aínda máis sucintos. Para empezar, nunca te chamarán eles, e cando ti os chames, sempre buscarán solucionar o teu problema o antes posíbel, sen esperar a ver que opinan os seus compañeiros doutros departamentos. E non te confundas, non o fan para aforrarche os cartos da chamada; chamas a un fixo, non a un 902.
Até o de agora, a ineficiencia dos funcionarios asumíase como mal menor naquelas áreas nas que se pensaba que eran insustituibeis, aínda que grazas a Deus e a iniciativa privada cada vez van ficando menos nichos (sociedades públicas) para estes vividores.
O mundo dos negocios é xusto, e cada vez que se abre un colexio privado, se externaliza un servizo da Xunta, se privatiza unha área sanitaria ou se lle otorga a propiedade dun río a Gas Natural, unha man invisible – chámase invisible porque non se ve – entra en escena para distribuir a riqueza: servizos mellores e máis baratos para o conxunto da sociedade, marxe de beneficio para todos os emprendedores... e sen funcionarios!!
O novo persoal (staff) custa moito menos diñeiro, é máis flexible e se lle pode dar caña. Págaselles para ser todos iguais, aínda que non son funcionarios. E aí está o mellor de todo, non so son iguais entre eles, senón que tamén son iguais a nós. Tan puteados coma nós; iso é o que queríamos, non? Aínda pensas que non? Espera que cho conto outra vez:
Os funcionarios son uns vagos e uns ladróns que viven como reis...