O Laboratorio de Formas busca consolidarse con novos proxectos no Museo Carlos Maside

Nestes momentos está en fase de catalogación o arquivo documental do Seminario de Sargadelos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/04/2018 | Actualizada ás 11:29

Comparte esta noticia

O Laboratorio de Formas de Galicia busca consolidar o seu futuro con novos proxectos no Museo Carlos Maside. Entre eles unha nova musealización e unha sección dedicada aos seus fundadores proxectos en estudo nestes momentos, e con iniciativas como a catalogación do arquivo documental do Seminario de Sargadelos.

Museo Carlos Maside, situado en Cerámicas o Castro, Sada
Museo Carlos Maside, situado en Cerámicas o Castro, Sada

Así o explicou  o administrador do Laboratorio de Formas de Galicia, Xosé Díaz Arias de Castro,  para quen nestes momentos é "precipitado" adiantar os proxectos do Museo Carlos Maside. "O primeiro, e urxente, é conseguir a súa rehabilitación e superar a degradación que está a sufrir actualmente para poder abrilo ao público", recoñece.

Con todo, avanza que, entre os proxectos está "o estudo dunha nova musealización e a incorporación dunha sección dedicada aos seus fundadores, Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane, que explique o significado do museo e a súa razón de ser no contexto histórico no que se creou".

Pero, para chegar a este momento, incide en que é necesario primeiro a declaración deste museo como Ben de Interese Cultural (BIC). Así, lembra que o acondicionamento do edificio levará a cabo coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Concello de Sada, unha vez sexa declarado BIC.

PROCESO

En marzo deste ano a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria iniciou os estudos previos necesarios para proceder á incoación da declaración como Ben de Interese Cultural do Museo Carlos Maside, situado no complexo industrial de Cerámicas do Castro, en Sada. Esta decisión supón un paso máis na protección dun inmoble, que alberga no seu interior importantes obras de autores como galegos, entre eles Castelao, Laxeiro ou Lugrís.

De feito para mellorar a situación que atravesaba este inmoble, o Concello de Sada aprobou en decembro de 2015 solicitar á Xunta a declaración como BIC das complexo Cerámicas do Castro, unha figura de protección que, de acordo son a súa petición, incluía a propia fábrica, o Museo Carlos Maside e o taller do intelectual Isaac Díaz Pardo, ademais das coleccións e bibliotecas existentes.

Sobre os traballos que se están desenvolvendo nestes momentos, Díaz de Castro confirmou que está "en fase de catalogación" o arquivo documental do Seminario de Sargadelos, uns traballos que buscan garantir parte dun proxecto constituído formalmente en 1967 por Díaz Pardo e Luís Seoane.

DINAMIZACIÓN CULTURAL

Foi con motivo do seu 40 aniversario, cando se conmemorou a creación do Laboratorio de Formas cunha exposición comisariada polo propio Xosé Díaz Arias de Castro para achegar ao público unha visión do traballo de Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo, vinculado co deseño industrial, pero tamén coa dinamización cultural tanto no exilio como en Galicia.

Da iniciativa posta en marcha polos dous intelecutais galegos, Xosé Díaz Arias de Castro lembra que se trata dunha sociedade instrumental "que nunca tivo actividade económica, e que se constituíu para impulsar, dirixir e tutelar os diversos emprendimientos, tanto culturais como industriais, que crearon Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane a partir da década do sesenta", lembra.

En concreto, alude a Cerámica de Sargadelos, Ediciós do Castro, Museo Carlos Maside, Seminario de Sargadelos, Instituto Galego de Información, Seminario de Estudos Galegos, ou o Laboratorio de Industria e Comunicación, entre outras propostas.

Con todo, admite que as circunstancias societarias que o Grupo Sargadelos viviu a partir de 2006, cando Isaac Díaz Pardo foi "apartado das súas empresas", apostila, creou unha situación "dramática". "Toda a actividade cultural veu abaixo", lamenta. Con todo, insiste en que o Laboratorio de Formas busca "salvar" algunhas das súas creacións. En particular, fai referencia ao Museo Carlos Maside ou o Seminario de Sargadelos, do que subliña que custodia "importante documentación relacionada co Sargadelos histórico e actual", apunta respecto ao legado existente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta