Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/05/2018 | Actualizada ás 20:18
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quixo mandar "unha mensaxe de tranquilidade" logo de manter contactos con directivos de Abanca para asegurar que esta entidade financeira radicada en Galicia "non corre ningún tipo de risco" de "contaminación" pola intervención de Banesco en Venezuela.
"Temos confirmación tanto do presidente do banco, o señor Escotet, como do seu conselleiro delegado e doutros directivos de que a seguridade de Abanca non corre ningún tipo de risco", garantiu o titular da Xunta nunhas declaracións durante a súa viaxe a México.
Neste sentido, remarca que hai unha "decisión do Goberno de Venezuela" que "afecta a un banco dentro do grupo" como é Banesco, pero Abanca "é un banco europeo, con ficha bancaria española", polo que "en ningún caso queda contaminado por ningún tipo de actuacións que poida adoptar o goberno venezolano". "Queremos mandar a mensaxe de que é un banco europeo baixo a tutela do Banco de España e o Banco Central Europeo e entendemos que non hai ningún risco de contaminación dunha situación venezolana dun banco dese grupo",.
Así, asegurou que a Xunta mantén "un diálogo permanente e constante" co presidente de Banesco Grupo Financeiro Internacional, Juan Carlos Escotet, que deixou temporalmente a presidencia de Abanca para ocuparse da crise de Banesco en Venezuela, así como "co conselleiro delegado e directivos" de Abanca, que informan "en tempo real" ao Goberno galego.
"SORPRENDE" A DECISIÓN DO GOBERNO VENEZOLANO
Banesco, o maior banco privado de Venezuela, foi intervido polas autoridades da República Bolivariana por un período de 90 días despois da detención de 11 executivos do banco ante a presunta contribución da entidade ás distorsións do sistema económico venezolano, segundo indicou o Goberno de Nicolás Maduro, que designou a unha xunta administradora dirixida pola viceministra de Finanzas, Yomana Koteich.
Sobre esta cuestión, Núñez Feijóo di que "sorprende a calquera cidadán ou a calquera medio financeiro non só de Latinoamérica, por suposto tamén europeo". Por iso, espera que esta situación "se aclare" e espera que os directivos españois de Banesco que están no cárcere "sexan loxicamente tratados conforme a un estado de dereito, con garantías e presunción de inocencia". Respecto diso, expresou que mantivo contactos co embaixador de España en Venezuela, que "xa notificou" a ministros do país suramericano que "se quere preservar a liberdade" dos españois que forman parte da cúpula de Banesco.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.