Vivimos unha enxurrada de supremacismo españolista alicerzado na lóxica do “a por ellos” que se opón a calquera expresión do dereito a decidir da cidadanía catalá, mais que tamèn-e isto cómpre telo moi en conta fóra de Catalunya- quere deconstruir substancialmente a máis ou menos limitada recuperación nacional acadada polas cidadanías galega, vasca e catalá a carón da descentralización política de 1978. Neste proceso regresivo salienta o neocentralismo de Ciudadanos (Cs), para os que non hai máis problemas que a suposta (e falsa) discriminación do castelán e a suposta necesidade dunha recentralización política que só beneficiaría a eses españois que queren mandar en todo o territorio do Estado sabendo só castelán e sen se achegar á súa realidade plurinacional. Supremacistas.
Este proceso, reflectido nesas bandeiras españolas que ateigan Madrid e outras cidades da Meseta, non se entende sen o seu consorciamento co capitalismo do BOE, refractario á libre concorrencia, que manda na maioría de empresas do IBEX 35 e que permite a expansión sen parada dun Madrid sen máis base produtiva que a súa exacerbada función de capitalidade. Un Madrid que papou case toda a Meseta e ameaza papar os demáis territorios, para eles na periferia, que achegan economía real ao Estado. Un capitalismo de amiguetes, alcerzado nos sectores regulados (distribución eléctrica, banca e grandes complexos construtores-concesionais, nomeadamente) e ciumento de todo desenvolvemento empresarial que faga máis autónomo ao que eles chaman periferia. Un capitalismo de BOE que domina xa os principais media madrileños, que se autodenominan “nacionais”
Para máis, a recentralización económica do capitalismo de BOE e a recentralización política dos supremacistas de “a por ellos” recondúcense á unidade na Coroa. Nunha Xefatura de Estado que o 3 de outubro último decidiu rachar co exemplo da raíña Elisabeth II para ser de parte no canto de ser de todos.