"A Gürtel naceu en Galicia e resulta inverosímil que o PPdeG non se beneficiase desa trama criminal"

A oposición pide que agora sexa Feijóo quen explique na Cámara as "ramificacións" no país desta trama corrupta do Partido Popular, condenado pola Audiencia Nacional.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 25/05/2018 | Actualizada ás 16:02

Comparte esta noticia

A oposición reclama que o presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, compareza na Cámara para explicar as "ramificacións" en Galicia da trama Gürtel, pola que foi condenado o Partido Popular como partícipe a título lucrativo dunha rede de corrupción.

Pablo Crespo e Correa no xuízo da Gürtel
Pablo Crespo e Correa no xuízo da Gürtel | Fonte: ep

O BNG avanzou que solicitará que a comparecencia do presidente galego se realice nun pleno extraordinario centrado na corrupción. Fíxoo, como recoñeceu a líder frontista, Ana Pontón, sen consultalo previamente co resto de grupos da oposición, algo que lamentaron tanto En Marea como o PSdeG, que si se mostraron favorables a forzar a comparecencia de Feijóo sen aclarar se se sumarán á petición dos nacionalistas.

No que coinciden os grupos da oposición é en que a sentenza da Gürtel é de "tal gravidade" que Núñez Feijóo debe ofrecer explicacións públicas en sede parlamentaria sobre a rede de corrupción "institucionalizada" pola que foi condenado o seu partido.

Para o portavoz de En Marea, Luís Villares, o mandatario popular debe ir máis aló e, ademais de explicar as conexións da Gürtel en Galicia, ten que "pedir perdón" polo "financiamento ilegal que lles fixo concorrer dopados ás eleccións e gañar con trampas".

"Non imos aceptar nin un minuto máis que o presidente da Xunta estea aquí sen dar explicacións, sen explicar que fixo como cúpula do barco pirata para impedir todo o que estamos a ver. En Galicia os corsarios teñen nome e apelidos, e o corsario xefe é Núñez Feijóo", remarcou o maxistrado en excedencia.

Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, indicou que a situación "é de tal gravidade" que obriga a que Feijóo dea a cara ante a cidadanía "a través do pleno do Parlamento"; aínda que expresou a súa "sopresa" porque o BNG anunciase que solicitará un pleno extraordinario sen "comunicalo" antes ao resto de grupos, cando para lograr que se atenda esta petición debe contarse co resto de forzas en O Hórreo.

"A Gürtel naceu en Galicia e resulta inverosímil que o PPdeG non se beneficiase desa trama criminal ou que Feijóo alegue ignorancia", declarou Ana Pontón, quen anunciou que, no caso de que o presidente galego non solicite comparecer "a petición propia", será o BNG quen rexistre a petición para a convocatoria dun pleno extraordinario centrado exclusivamente na "corrupción" do Partido Popular.

Ana Pontón cualificou de "inexplicable" que non fosen investigadas nin por parte do PP nin polos tribunais as declaracións do ex-secretario de Organización do PPdeG, Pablo Crespo (condenado a 37 anos e medio de cárcere como número dous da trama); nas que recoñecía que o 65 por cento do diñeiro que manexaba o PP en Galicia era "negro".

"Feijóo non pode porse de perfil, porque a Gürtel naceu en Galicia e mantivo no consello de administración de Portos de Galicia a Pablo Crespo", incidiu a líder frontista, que reclama ao presidente da Xunta e dos populares galegos que "se pronuncie" sobre a continuidade de Rajoy á fronte do Goberno após a condena da Audiencia Nacional. "Se non esixe a súa dimisión, convértese en cómplice", apostilou.

MOCIÓN DE CENSURA

Así as cousas, En Marea indicou que pon os "votos" dos seus deputados no Congreso a "disposición" da moción de censura contra Mariano Rajoy rexistrada este venres a iniciativa do Partido Socialista.

Todo iso, segundo Villares, para que Rajoy "non siga nin un minuto máis á fronte dun partido e dun goberno que saquea os recursos públicos". "Estamos ante os piratas do saqueo, do roubo; duns corsarios que fixeron da corrupción unha forma de vida", engadiu.

Respecto da moción de censura, Fernández Leiceaga comentou que debe ser Ferraz quen decida as "conexións co resto de forzas" para tentar que a moción salga adiante, á vez que evitou pronunciarse sobre a convocatoria de eleccións anticipadas, como reclama Ciudadanos.

"A sentenza é especialmente dura e preocupante para o PP", aseverou, para logo cualificar como "feitos de extrema gravidade" que a sentenza recolla "como probado" que existe unha "estratexia institucionalizada de corrupción na que está presente o PP" e que o tribunal considere que "non foi crible" o testemuño xudicial do presidente do Goberno.

Para o BNG, a moción de censura contra Rajoy é "un paso necesario" no "proceso de rexeneración" do Estado español. Con todo, Pontón considera que esta vía "non é a única" que debe seguirse para "apartar a corrupción" do funcionamento do país, senón que han de "darse pasos reais para deixar atrás o réxime do 78".

"É só a punta do iceberg, porque esta corrupción é estrutural no Estado español, afecta os partidos do réxime, aos 'lobbies' empresariais, ás grandes corporacións mediáticas e ás cúpulas xudiciais", remarcou Pontón.

ANOVA

Á marxe da actividade parlamentaria, Anova (integrada en En Marea) tamén se pronunciou sobre a sentenza da Gürtel, que cre que significa o "fin do estado de excepción nacido coa aplicación do 155 en Cataluña, unha tapadeira de falsa legalidade para encubrir a podremia do réxime do 78".

Así se expresou o portavoz nacional de Anova e deputado de En Marea, Antón Sánchez, quen, segundo recolle un comunicado, incidiu en que a Gürtel "é un dos moitos pozos negros do réxime do 78, onde converxen os intereses políticos e económicos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Carrio

Se de verdade queremos saber a relación da Gurtel co PP galego non lle hai que preguntar a Feijoo. En Lalín saben moito máis. Poidera ser que ata haxa que sexa partícipe a título lucrativo.