Por Europa Press / Redacción | Madrid | 02/06/2018 | Actualizada ás 14:23
Podemos, Izquierda Unida e Equo selaron nunha declaración conxunta o acordo marco para concorrer en coalición ás eleccións municipais, autonómicas e europeas que terán lugar en 2019. Segundo informaron as tres organizacións en senllos comunicados, o pacto definitivo rubricouse este venres "atendendo as vontades das súas bases" e co obxectivo de construír "un bloque histórico do cambio".
Tal e como adiantou Podemos o pasado domingo tras reunir á súa Executiva, o nome acordado para os comicios municipais e autonómicos é 'Unidas Podemos Izquierda Unida Equo', mentres que para as europeas decantáronse pola marca 'Unidas Podemos cambiar Europa'.
Os tres partidos adquiren na súa declaración conxunta o compromiso de "construír unha España máis moderna, máis democrática e máis xusta social e ambientalmente" e apostan pola coalición electoral como fórmula xurídica "máis adecuada" para representar a súa unidade "sen renunciar á diversidade".
O documento dos asinantes recolle, iso si, que para que a coalición se presente nun determinado municipio non teñen por que estar presentes os tres partidos. Ademais, sinálase que á norma xeral —que di que nas papeletas electorais se recollerá o nome da coalición, as siglas e os logos de cada unha das organizacións-— poden darse excepcións nas grandes cidades con "marcas consolidadas" como Agora Madrid ou Barcelona En Comú, ou en Galicia os casos de Ferrol, A Coruña e Santiago de Compostela, as tres cidades gobernadas polas mareas. Porén, no resto de municipios galegos, o acordo permite que estas tres formacións impoñan as súas marcas sobre os proxectos comúns construídos polas mareas.
Para concorrer ás eleccións europeas e autonómicas, así como aos cabidos insulares en Canarias, cada organización celebrará o seu propio proceso de primarias para despois confluír "nunha papeleta de unidade co respecto á identidade de cada unha das partes".
A data límite para chegar a un acordo en todos os ámbitos territoriais é entre novembro e decembro de 2018. Xaneiro de 2019 será a data límite para a celebración de primarias nos ámbitos municipais que así o desexen e febreiro de 2019, no caso de que ademais esas primarias municipais sexan conxuntas.
A declaración conclúe co desenvolvemento de cinco obxectivos, a saber: lograr un país "produtivo, sustentable e con emprego"; "democrático e solidario"; "con servizos públicos de calidade"; "en igualdade"; e, por último, conseguir "cambiar Europa".
"Este acordo é a consolidación da nosa aposta pola construción do espazo do cambio, que terá ampla presenza do ecoloxismo político. Queremos apontoar aqueles espazos nos que o cambio comezou, e expandir a nosa presenza noutros. Outro modelo non será posible sen unha aposta ecoloxista nítida e decidida", asegurou o coportavoz federal de Equo Juantxo López de Uralde.
QUE PASA CON GALICIA?
Este acordo, que parece non contar coa singularidade da realidade política galega, e máis concretamente das mareas —onde por exemplo Anova ten un peso específico que foi ignorado por estas formacións estatais—, chega logo de que o líder de Podemos, Pablo Iglesias, ignorase a Galicia como nación no seu discurso no Congreso durante o debate sobre a moción de censura que desaloxou a Mariano Rajoy da Moncloa e colocou na Presidencia de España ao socialista Pedro Sánchez.
Que Pablo Iglesias reivindicase os dereitos de Cataluña e País Vasco como nacións, e ignorase os de Galicia, creou malestar nalgúns sectores de En Matea, principalmente no nacionalista.
Agora, este acordo entre Podemos, IU e Equo volve colocar nun segundo plano as formacións e correntes netamente galegas, ás que Podemos —a matriz deste conglomerado político— volve ignorar e menosprezar.
Co pacto entre Podemos, IU e Equo certifícase que Pablo Iglesias e os seus aliados pasan das mareas e van por libre nas súas decisións. Só Ferrol, A Coruña e Santiago —onde hai marcas consolidadas (Ferrol en Común, Marea Atlántica e Compostela Aberta)— poderán ter 'autonomía' sobre os imperativos de Podemos en Madrid. Nas demais localidades galegas, os 'podemitas' e os seus aliados xa decidiron, con este acordo, condicionar o futuro das mareas, comprometendo a propia marca 'mareas'.
Agora queda por ver que posición adopta Anova ante este escenario.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.