Na falta dunha maioría absoluta será normalmente esa candidatura máis votada á que habería percurar un acordo estábel con outras forzas, mais esa maioría pode vir do pacto entre o segundo, terceiro e quinto máis votado. A ladaíña de que goberne a candidatura máis votada é un argumento do guieiro da dereita española que lles aprenden cando son cativos, conscientes da súa xenética incapacidade de chegar a acordos estábeis con outras forzas por mor do seu xorne autoritario.
Outro principio fundamental da democracia é que os votos dos deputados elixidos pola cidadanía valen igual. É dicir, que a deputada que ten unha idea de España moi distinta do supremacismo españolista do PP e Cs conta tanto coma as destes. Pedro Sánchez ten só 84 sobre os 350 deputados do Congreso. Mais obtivo o voto doutros 96. O feito de que moitos destes sexan da “cáscara amarga” ( para eses voceiros mediáticos dos millóns de españois que aínda profesan o franquismo sociolóxico) non lles tira ningun valor democrático. Logo de obter representación parlamentaria todos os votos dos deputados valen igual. 180 constitúen a ampla maioría absoluta no Congreso e os 169 do PP e Cs a clara minoría. Un prato é un prato.
Pasou o que pasou porque se cumpriu o principio fundamental dunha democracia parlamentaria: acadar unha maioría parlamentaria. E os deputados do PSOE obtiveron o concurso dos de Unidos Podemos, ERC, PNV, PDECAT, En Comú Podem, En Marea, Compromìs e EH-Bildu baixo a premisa de salvarmos a dignidade institucional, gravísimamente fanada pola corrupción orgánica do PP.
Mais è evidente que axudou xuntar esta maioría o afastamento do PP da cidadanía e dos intereses das maiorías sociais. Porque eu, que trato decote pola miña profesión cun amplísimo espectro de persoas, non vexo xa na vida cotiá persoas como as que cesan estes días. Xente como os ex ministros Iñigo Mèndez de Vigo, Juan Ignacio Zoido ou Jorge Fernàndez Díaz, máis antigos ca o fío negro.
Vostedes tampouco, verdade? Son os herdeiros do franquismo sociolóxico que saen do foco. Mais teñan conta. Polo de agora saen. Mais segue habendo moitos, malia que vostedes non traten decote con eles.