Por Moncho Mariño | Santiago | 05/06/2018 | Actualizada ás 14:00
O consumo de alcohol ligouse durante moito tempo a determinadas profesións. Pero é isto certo? Existe unha predisposición ao consumo excesivo de alcohol cando se exercen determinados oficios ou traballos? Ou é todo unha conxunción de factores que afectarían ao profesional nun ambiente laboral específico? Porque dentro dun espazo reducido social e fisicamente como é o ámbito laboral, é posible que se dean dentro del unha seire de condicionantes que permitan desenvolver unha adicción, ben intencionadamente ou ben indirectamente, por presión da atmósfera laboral.
A Organización Mundial da Saúde (OMS) define o alcoholismo como “todo estado de exceso que sobrepasa o consumo alimenticio tradicional e habitual ou sobrepasa os límites das costumes sociais”. Polo tanto, por unha banda temos que a OMS considera o alcohol como un alimento e como un elemento socializador, pero en ambos os dous casos a mesma organización avisa de que o seu exceso acaba nunha adicción.
A DOENZA
O abuso no consumo de alcohol, a dependencia do mesmo, é unha doenza “mortal, que te vai matando pouco a pouco” e que non entende de clases ou posicións sociais “é unha doenza transversal, non hai un sector laboral que non estea fóra desta adicción”. Así o declaran membros de Alcohólicos Anónimos (A.A.). Desde esta asociación sen ánimo de lucro que leva máis de 80 anos traballando con persoas adictas á bebida, teñen claro que o alcoholismo é “unha enfermidade do ego, da persoa” que ao mesmo tempo “ataca á familia, ao traballo e ás túas relacións persoais” para finalmente “deixarte illado”.
Non obstante, se axustamos máis estas definicións e ideas, o consumo incontrolado de bebidas espirituosas como vía de escape, de evasión da realidade, “porque simplemente non te gustas a ti mesmo”, din desde A.A. como indicabamos na entrada desta reportaxe, as presións sociolaborais poden ser un factor moi importante sobre o “ego” do e da traballadora. O “ego” enténdase como a persoa mesma, non a súa sobrevaloración persoal ou profesional.
Se falamos en termos de desemprego, a mocidade é o segemento poboacional máis castigado. Quizais de aí veña un consumo incontrolado de alcohol fronte a unha situación de incerteza diante do futuro. Isto trae comportamentos como o binge drinking, ou enchentas alcohólicas en pouco tempo, unha ou dúas horas como moito. Pero tamén temos que a mocidade tamén é o segmento que a estas alturas está sufrindo os maiores índices de precariedade laboral. Outro motivo para a evasión pola bebida.
COMPORTAMENTO SOCIAL
O departamento de Saúde Pública do SERGAS (Servizo Galego de Saúde), realizou unha serie de sondaxes sobre o comportamento no consumo de alcohol na poboación galega entre o 2005 e o 2015. Tanto entre homes como en mulleres en idade laboral, parece haber unha tendencia á baixa se nos cinguimos ao consumo diario en referencia ao consumo ou ben por sociabilidade ou no momento das comidas do día. Por outra banda o consumo intenso de alcohol ten unha lixeira tendencia a subir desde o 2015. O consumo excesivo, o que sobrepasa límites considerados aceptables para o corpo e a saúde, aínda que alto parece descender tamén desde o 2015.
É destacable que entre o ano 2009 e 2014 houbese un incremento nas cifras de consumidores dentro das tres áreas definidas. Casualmente foron os peores anos da crise económica. Volvemos á doenza do “ego”, á falta de autoestima, falta de perspectiva laboral e de futuro. Non nos gusta esa perspectiva por tanto, evadímonos, bebemos.
COMPORTAMENTOS E PROFESIÓNS
A sondaxe realizada pola empresa Premap Seguridad y Salud no ano 2016, sinalaba que o 8,57% dos traballadores e traballadoras galegas bebían habitualmente. Esta cifra era o dobre da media española que andaba sobre o 4,1%.
Segundo estudos realizados pola CIG, unha achega ao consumo de bebidas alcohólicas dentro do traballo demostra que esta actitude está ligada a parámetros de comportamento social. “(...)falando de alcohol, asocian o seu consumo a unha franxa de idade media-alta, caracterizándoo como diario en razón de hábitos sociais, que reforzaría a propia estabilidade laboral -no entanto, non deixan de se referir a un consumidor máis novo e con hábitos máis vinculados ao lecer e, pois, á fin de semana-” como remarca o documento referido desde a visión dos observadores que elaboraron o documento.
Outro aspecto que destacan nas conclusións do documento da CIG é que “nos grupos de discusión, dentro da coincidencia apuntada, non se marcan diferenzas sectoriais, fálase dun consumo xenérico de alcohol, en canto cantidades e gradación das bebidas, pero tamén se vincula o alcoholismo aos individuos maiores facendo certa distinción coas prácticas aquelas dos máis novos, máis de fin de semana, por máis que poidan supor unha inxesta excesiva de alcohol”.
O documento da CIG recolle datos dentro dos sectores do metal, construción e naval. Profesións cunha alta carga de risco para a integridade de traballadores e traballadoras. Pero son estas as profesións máis afectadas? Segundo Raquel Seijas, de Saúde Laboral UXT, “os datos que temos nestes momentos indican que construción, agricultura, pesca, gandeiría, extracción (minaría) e hostalería son as profesións que teñen uns maiores índices de alcoholismo”. Os datos parecen coincidir coa enquisa realizada hai tres anos polo goberno dos EE UU, as profesións con máis bebedores serían minaría, construción e hostalería por esta orde.
SOLUCIÓNS
Raquel Seijas sinala que actualmente as medidas para frear ou reducir o consumo de alcohol dentro do traballo, pasa por expedientes ou despedimentos. “Entendemos que é unha cuestión que debemos abordar entre todos pero desde o ámbito da prevención, non desde as medidas disciplinarias”.
O obxectivo para que isto último se cumpra tería que pasar pola negociación colectiva para que sexa contemplada como unha doenza. Así sería tratada como outros casos nos que a saúde do traballador e traballadora estarían en risco. Por outra banda, tamén sería necesaria a análise do ambiente laboral onde desenvolve as súas tarefas a persoa afectada. Pero sobre todo, a prevención e a inclusión comop doenza laboral serían pasos moi necesarios para reducir a incidencia do alcoholismo na vida laboral.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.