Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 07/06/2018 | Actualizada ás 18:06
A asociación medioambiental Aldea Viva vén de denunciuar que a empresa Tyrma —que traballa na reciclaxe e xestión de residuos na mina de Touro—, de "contaminar os regatos con augas cargadas de metais pesados".
Segundo Aldea Viva, "a nave principal de Tyrma está construída sobre unha balsa mineira, a cal foron reducindo pouco a pouco até facer desaparecer a metade da súa extensión, provocando deste xeito a contaminación dos regatos con augas cargadas de metais pesados e poñendo en perigo a saúde da poboación e a supervivencia dos ecosistemas".
A asociación cualifica de "terrorismo medioambiental" as actuacións que se están realizando nos terreos mineiros dende que Explotaciones Gallegas adquirise os dereitos hai máis de 20 anos.
"A pasividade das administracións, tanto as locais como a autonómica, demostra unha vez máis a impunidade coa que actúan estas empresas", censura esta asociación.
Por isto, Aldea Viva insta a Xunta de Galicia a tomar as "medidas oportunas para solventar os problemas ocasionados" e advirte da "perigosidade" que suporía autorizar o novo proxecto para reabrir a mina de cobre a unha empresa "con semellante historial".
Deste xeito, a asociación considera que "destapa a verdadeira cara destes colectivos que acumulan varios expedientes pola contaminación dos cursos fluviais" na contorna de Touro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.