Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/06/2018 | Actualizada ás 14:30
Representantes das rutas culturais, ecolóxicas e de peregrinación máis importantes de todo o mundo participarán o próximo mes de setembro en Santiago de Compostela na 7ª edición da World Trails Conference, un congreso internacional organizado cada dous anos pola rede mundial de camiños e sendeiros World Trails Network que, por vez primeira, se celebra en Europa.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada polo delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e polo xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, presentou este venres o simposio, que afondará na contribución cultural e económica que estes itinerarios conseguen nos destinos e áreas que atravesan.
Do mesmo xeito, o congreso busca fomentar as sinerxías entre os distintos itinerarios do mundo e converterse "nunha gran oportunidade para avanzar e compartir impresións sobre o desenvolvemento e preservación do Camiño de Santiago, que se sitúa cada vez máis como referente internacional no seu modelo de xestión", dixo Castro.
Así, o traballo levado a cabo na ruta xacobea en Galicia centrará varios dos relatorios deste congreso internacional, que se celebrará os días 26, 27, 28 e 29 de setembro. Ademais do Camiño de Santiago, conta xa coa presenza confirmada de representantes de itinerarios de máis de 28 países do cinco continentes.
DE SUDÁFRICA A XAPÓN
Desde Asia participarán camiños como o Kumano Kodo, irmandado co de Santiago desde hai 20 anos; ou o Shikoku Henro, ademais do Jeju Mire, de Corea do Sur ou o Great Himalaya Trails, de Nepal.
Do mesmo xeito, contarase coa participación das rutas culturais de longa distancia que están presentes en Taiwan, así como con xestores de itinerarios e carreiros de Grecia ou Irlanda e de Sudáfrica, con representantes do Rim of Africa Trail.
Xunto a eles, haberá unha representación de Sudamérica, con rutas de Costa Rica ou Panamá. Tamén estarán congresistas de Canadá para falar do Bruce Trail, o trazado sinalizado máis antigo e longo de Canadá, que permite coñecer a Escarpa do Niágara, Reserva Mundial da Biosfera da UNESCO e que presentará a súa experiencia para desenvolver unha actividade sustentable nese territorio.
TRES 'VIAXES NO CAMIÑO'
O congreso incluirá diversos relatorios e mesas redondas para profundar, entre outras cuestións, na vinculación dos itinerarios e a protección da natureza, nos beneficios económicos das rutas para as economías rurais, na preservación do patrimonio cultural e valores espirituais das rutas xacobeas, así como na importancia do crecemento sustentable en cada unha destas rutas culturais, ecolóxicas e de peregrinación do mundo.
No programa da World Trails Conference haberá, así mesmo, reunións específicas, un pequeno festival de cinema e unha feira promocional, na que participarán destacados representantes dos distintos itinerarios do mundo que forman parte da World Trails Network.
O congreso estará precedido por tres percorridos polas últimas etapas de tres itinerarios xacobeos en Galicia. Trátase de 'Viaxes no Camiño', nas que os delegados poderán unirse a unha peregrinación de nove días no Camiño Francés, de cinco días no Camiño Inglés e de 10 días no Camiño Portugués. O tres peregrinacións chegarán a Santiago de Compostela como prólogo da inauguración.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.