Por Europa Press / Redacción | Compostela | 13/01/2025 | Actualizada ás 21:30
As agresións sexuais en grupo son "máis hostís" e utilizan maior violencia física que as cometidas por un único agresor, segundo se desprende do estudo 'Violencia sexual exercida en grupo. Análise epidemiolóxica e aspectos criminológicos en España', do Ministerio do Interior en colaboración con varias universidades.
Neste estudo analizáronse un total de 491 feitos ocorridos en todo o territorio estatal, exceptuando o País Vasco, entre 2013-2017, con 1.359 autores e 525 vítimas. Así, o 96,5% dos casos rexistraron cinco ou menos autores, resultando infrecuente o rexistro con seis ou máis agresores, aínda que se chegaron a rexistrar supostos con ata 15 autores.
En canto ao perfil das vítimas de agresións sexuais en grupo, a maioría foron mulleres (92,8%), resultando pouco común a presenza de homes vítimas (7,1%). Respecto da súa idade, 172 delas (32,8%) eran menores de idade no momento dos feitos e 341 maiores (65%). Así, a idade media das vítimas, das que se dispuña de información, foi de 23,4 anos.
Aínda que a mostra estivo formada por casos cun mínimo de dous autores, tamén se rexistraron feitos con varias vítimas. No 93,9% dos casos (461 casos) houbo unha soa vítima, dándose 27 casos con dúas vítimas (5,5%), dúas con tres (0,4%) e un con catro (0,2%).
AUTORES, HOMES, MOITOS MENORES
Segundo reflicte o estudo, as vítimas foron, na súa maioría, españolas (320 casos; 61%), rexistrándose 203 casos de vítimas estranxeiras (38,7%). Entre os países de procedencia das vítimas estranxeiras destacaron: Reino Unido e Romanía (24 casos; 4,6%); Colombia (17 casos; 3,2%); Ecuador (16 casos; 3%); e Marrocos (15 casos; 2,9%). No caso dos autores destes delitos, foron principalmente homes (97,2%), sendo infrecuente a presenza de autoras (1,2%). En canto á idade, 310 destes (22,8%) eran menores de idade no momento dos feitos e 678 maiores (49,9%). A idade media dos autores foi de 23,8 anos. Aínda que, o informe destaca que a maior número de agresores, menor é a súa idade.
Así, explica que os casos de agresións sexuais con dous, tres e catro autores foron comúns tanto en menores como maiores de idade, pero os rexistrados con máis autores (entre oito e dez), só se deron en menores de idade. Neste sentido, Interior alerta de que os agresores menores de idade "parecen recorrer á violencia en maior medida que os autores maiores de idade". De feito, apunta que o 85,9% dos autores menores fixeron uso dalgún tipo de violencia fronte ao 74,6% no caso dos autores maiores. "O uso de violencia exclusivamente verbal foi moito máis común entre os menores, e o uso de ambos os tipos de violencia foino entre os autores maiores de idade", subliña.
O 43,3% DOS AGRESORES ERAN ESTRANXEIROS
Respecto á orixe dos autores sobre os que se dispuña de información, 588 (43,3%) foron de procedencia estranxeira e 445 españois (32,7%). Descoñecíase a nacionalidade en 326 casos (24%). Entre os países de procedencia dos agresores estranxeiros destacaron: Marrocos (129 casos; 9,5%); Romanía (95 casos; 7%); e Ecuador (55 casos; 4%). O estudo tamén reflicte que, de forma xeral, si existía relación previa entre vítima e autor. Así, no 37,2% dos casos eran coñecidos e no 54,1% descoñecidos, non podendo acreditarse a relación nun 8,7% dos feitos.
En canto aos lugares onde se cometen este tipo de feitos delituosos, revela que estes foron, principalmente, en domicilios e hoteis (lugares pechados) e na vía pública. Ademais, destaca nove casos nos que se dan en centros escolares.
FINS DE SEMANA
Nesta mesma liña, indica que este tipo de feitos relaciónanse con contextos lúdicos e de lecer, principalmente nocturno, polo que a distribución semanal non é aleatoria. Entre sábado e domingo rexistrouse o 37,4% dos feitos. Ao incluír o venres como parte do fin de semana, rexistraríase o 47,9%. Seguindo este patrón, os días con máis casos foron o sábado (22,1%) e o domingo (15,3%). O estudo tamén aborda a distribución temporal, sendo os períodos vacacionais (verán), pero tamén os momentos da semana destinados ao lecer (fin de semana), os que rexistran unha gran cantidade de casos.
O tres tipos de delitos sexuais que se abordaron neste informe son aquelas agresións sexuais nas que houbo acceso carnal e nas que existiu algún tipo de violencia. O tipo de feito máis común foi a Agresión Sexual con Violencia e Acceso Carnal (237 casos; 48,3%), seguido da Agresión Sexual con Violencia (181 casos; 36,9%) e a Agresión Sexual con acceso carnal, pero sen violencia (73 casos; 14,9%).
Na maior parte dos delitos analizados vítima ou autor consumiran no momento das feitos drogas ou alcol. En concreto, en 212 casos existiu consumo de sustancias por parte dalgún dos implicados (43,2%), en 87 non existiu consumo (17,7%) e en 192 non se puido saber (39,1%). Ademais, o estudo expón que nun 13,4% dos casos a vítima atopábase nun estado de indefensión provocado pola inxesta dalgunha sustancia, o que se coñece como submisión química.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.