Denuncian o "colapso" da sanidade pública en Ourense

O Sergas traslada aos primeiros 12 pacientes de paliativos ao antigo hospital de Piñor, para ter máis espazo no CHUO.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/04/2025 | Actualizada ás 21:42

Comparte esta noticia

A Plataforma pola Defensa e Mellora da Sanidade Pública de Ourense volveu a esixir este xoves unha serie de medidas urxentes para reverter o que cualifican como un "retroceso alarmante" na sanidade pública da provincia. A entidade cidadá enumera demoras excesivas, falta de investimento en infraestruturas, precariedade laboral do persoal e unha atención insuficiente en saúde mental, entre outras deficiencias.

Case 6.000 persoas están en lista de espera para unha intervención cirúrxica e preto de 28.000 agardan por unha consulta externa, con medias de espera de 69,5 días e 86,2 respectivamente, por encima da media galega, segundo cifras oficiais da Consellería de Sanidade.

A plataforma esixe reducir estes tempos a un máximo de 30 días (15 en casos preferentes) e reclama á Xunta máis "transparencia" sobre as listas. A entidade denuncia tamén o "colapso" dos centros de saúde como o da Ponte ou o de Mariñamansa, e reclama a posta en marcha do prometido centro no barrio de O Vinteún, ademais de solicitar o fin da segregación que sofren os usuarios do Novoa Santos, catalogado como centro integral de saúde (CIS). Ademais, critican falta de persoal, sobrecarga dos puntos de atención continuada (PAC) e escasa coordinación cos hospitais, o que leva a "saturacións innecesarias" en Urxencias.

SAÚDE MENTAL

Un dos puntos máis críticos sinalados é o estado da atención á saúde mental. A plataforma alerta de que Galicia lidera as taxas de suicidio do Estado e que Ourense non conta aínda con unidade de hospitalización infanto-xuvenil na material. Así mesmo, a plataforma sinala que a demora para consultas de psicoloxía clínica supera o seis meses, e máis de 1.200 pacientes agardan por atención psiquiátrica. Reclaman máis profesionais, redución de listas de espera, e a integración de psicólogos clínicos en atención primaria.

TRASLADO A PIÑOR DE PACIENTES PALIATIVOS

Por outra banda, o Sergas anunciou que xa se completou o traslado dos primeiros 12 pacientes de coidados paliativos e de coidados mínimos á planta reaberta do antigo hospital de Piñor, que volve funcionar como área de hospitalización, o cal permitirá contar con máis espazo no CHUO. O operativo realizouse sen incidencias e con apoio de corpos policiais e persoal sanitario.

A Unidade de Hospitalización a Domicilio tamén traslada a súa base a Piñor, e será a encargada de supervisar a atención médica dos pacientes paliativos, xunto ao persoal habitual de enfermaría. En total, habilítanse nove camas para coidados paliativos e 29 para coidados mínimos.

Hospital de Ourense, CHUO
Hospital de Ourense, CHUO | Fonte: Xunta de Galicia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta