Por Galicia Confidencial | Monforte de Lemos | 24/04/2025 | Actualizada ás 20:15
Durante as fins de semana de maio celébrase a Primavera de Portas Abertas nas Rutas do Viño de Galicia, un programa que impulsa dende hai 14 anos a Xunta de Galicia en colaboración coas Asociacións das Rutas dos Viños das cinco Denominacións de Orixe galegas.
No caso da Ruta do Viño da Ribeira Sacra as actividades desenvolveranse entre o 23 e o 25 de maio e xa se poden facer as reservas na páxina web.
Como é habitual haberá Bus do Viño, con 4 saídas o sábado pola mañá desde a Praza de Bretaña en Lugo, a estación de ferrocarril de Ourense, a Avenida Xardíns Méndez Núñez na Coruña e na Avenida de Madrid en Vigo (Centro médico Concheiro). O domingo día 25 haberá un Bus do Viño con saída da estación de ferrocarril de Ourense, outro desde a Praza de Bretaña en Lugo e unha saída desde Santiago de Compostela (Hotel Porta do Camiño). A actividade ten un custo de 10 € para adultos e de 5 € para nenos/as de 3 a 13 anos. O xantar non está incluído.
Contarase como é costume tamén con visitas guiadas e gratuítas con degustación ás adegas: Adega Vella, Amedo, Adega Proencia, Adega Ribada, Cachín, Casa Moreiras, Rectoral de Amandi, Condado de Sequeiras, Finca Míllara, Ponte da Boga, Ronsel do Sil, Val de Quiroga e Vía Romana.
ROTEIROS E ACTIVIDADES TURÍSTICAS
Ouro, Aceite e Viño de Quiroga, con saída o 24 de maio ás 9:00h. do aparcamento do Parque dos Condes de Monforte de Lemos. O prezo é de 10€/persoa, sendo necesario un mínimo de 10 persoas para realizar a actividade que inclúe transporte e guía acompañante para facer roteiro de sendeirismo polo Camiño de Inverno, partindo de Montefurado e finalizando no muíño de aceite. (Tramo de 6 quilómetros aproximadamente, dificultade baixa).
Ruta do Románico de Sober, con saída o 24 de maio ás 9:30h. da Oficina de Turismo de Sober (Praza do Concello). A actividade é gratuíta. Os desprazamentos realizaranse en vehículos particulares, sendo necesario un mínimo de 10 persoas para realizar a actividade. Inclúe as visitas a San Xillao de Lobios, San Vicente de Pinol, Santa María de Proendos e visita e degustación na adega Proencia.
Entre Auga e Viño, con saída o 24 de maio ás 17:00 h. desde o aparcamento do Parque dos Condes en Monforte de Lemos, Lugo. O prezo é de 10€/persoa, sendo necesario un mínimo de 10 persoas para realizar a actividade que inclúe transporte e guía acompañante para facer o Roteiro desde o pantalán de Pincelo na lancha Quinta Sacra polo río Miño, gozando dos socalcos e adegas ata chegar á zona de San Fiz para finalizar no pantalán da Míllara. Inclúe visita á adega Finca Míllara coa degustación de 3 viños acompañados duns petiscos.
Viño e jazz. O 24 de maio ás 19:00h celebrarase un concerto de música do grupo de Jazz Gabi Triana Quintet nos arredores do embarcadoiro dos Chancís no municipio de Sober. Durante o concerto haberá degustación de 3 viños presentados por un catador, mesturando os diferentes estilos, ritmos e melodías cos viños nunha contorna única á beira do Sil. A actividade é gratuíta e conta con aforo para 60 persoas.
Ruta do Camiño de Inverno: Románico e Natureza, con saída o 25 de maio ás 09:30 h. desde o aparcamento do Parque dos Condes en Monforte de Lemos. O prezo é de 10€/persoa, sendo necesario un mínimo de 10 persoas para realizar a actividade que inclúe transporte e guía acompañante para visitar a igrexa románica de San Paio de Diomondi e o palacio de Diomondi, hoxe albergue de peregrinos. Farase un percorrido a pé entre Diomondi e a aldea de Belesar, entre soutos e carballeiras para coñecer os aspectos naturais, patrimoniais e etnográficos deste tramo (aprox. 3 quilómetros de dificultade media).
Entre Miradoiros dos Canóns do Sil, con saída o 25 de maio ás 09:30 h. desde o aparcamento do Parque dos Condes en Monforte de Lemos. O prezo é de 10€/persoa, sendo necesario un mínimo de 10 persoas para realizar a actividade que inclúe transporte e guía acompañante para visitar o Miradoiro Pena do Castelo e o de Cadeiras, coñecer Adega Vella e degustar 7 viños cuns petiscos.
CATA NO CENTRO DO VIÑO DE RIBEIRA SACRA
Terá lugar o venres 23 de maio ás 19:30h. A actividade é gratuíta e require dun grupo mínimo de 10 persoas.
Cata Maridaxe Viño e Flores. Con esta proposta a Ruta do Viño quere celebrar a tradición galega dos 'Maios' cunha harmonía de viños e flores de tempada, buscando esa asociación do mes de maio e os matices dos seus viños. Que aromas nos trasladan os viños de expresión máis primaveral e reforzar eses aromas cheirando varias desas flores e outras herbas. A que cheiran un "maio" e un viño?
OUTRAS ACTIVIDADES
Esta Primavera de Portas Abertas na Ruta do Viño de Ribeira Sacra conta tamén con visitas ao Centro de Interpretación do Viño de Ribeira Sacra que se farán o venres 23, sábado 24 e domingo 25 de maio, ás 12.30 e ás 18.00 h.
Outros museos que abrirán as súas portas aos visitantes eses días son o Ecomuseo de Arxeriz, cos seguintes horarios: de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 h. O Museo Etnográfico de Quiroga que fará visitas os tres días previa reserva.
E o 24 e 25 de maio, tamén previa reserva, haberá Roteiros Guiados en Segway pola Ribeira Sacra de 12.00 a 17.00 e Quinta Sacra ofrece paseos en barca para grupos segundo dispoñibilidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.