Colectivos médicos denuncian un aumento da corrupción se se elimina a dedicación exclusiva

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP), lanza un manifesto no que sinalan as consecuencias que tería a supresión dunha única dedicación na sanidade pública, entre elas, aumento de listas de espera e as derivacións á sanidade privada.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 08/06/2018 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

A AGDSP lanzou un comunicado ante o que considera unha "ofensiva do autodenominado “Colectivo de Médicos Gallegos que compatibilizan asistencia pública y privada”". Desde a Asociación   afirman que se están "a realizar accións para conseguir a supresión da dedicación exclusiva no Sistema Sanitario Público Galego, co apoio dalgúns Colexios de Médicos".  Se esta supresión de dedicación exclusiva acontecese, a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública denuncian que podería haber "graves consecuencias" para oo sistema público de sanidade.

Sala de espera do Sergas
Sala de espera do Sergas

O primeiro que destacan é que "incrementaría a corrupción e os conflitos de interese porque impulsa e lexitima a dobre dedicación, para que o persoal facultativo do Sergas poida traballar  nos centros privados concertados". Isto estaría posibilitando o control da demanda creando listas de espera nos hospitais públicos. Ademais daríase "a selección dos pacientes a derivar de acordo aos intereses e rendibilidade empresarial". Como exemplo apuntan no manifesto que "no Hospital San Rafael da Coruña, máis do 80% do persoal médico pertence á plantilla do Hospital da Coruña (CHUAC), do que recibe os pacientes polo concerto".

Nese mesmo documento, a AGDSP remarca que "existe unha relación estreita entre crecemento das listas de espera e a dobre dedicación do persoal" dos servizos hospitalarios públicos. "dado que procuran o incremento das derivacións e como conseguinte dos propios beneficios". Por outra banda sinalan que "é de sobra coñecido pola poboación que moitos pacientes acoden a determinados especialistas, incluíndo os propios xefes de servizo para saltar as listas de espera de probas diagnósticas ou intervencións  cirúrxicas", cousa que agravaría a desigualdade no acceso ao sistema.

"CORRUPTELAS"

Tamén falan de que ceder a prescrición de probas diagnósticas e do tratamento dos pacientes dos centros públicos a médicos sen dedicación exclusiva "pode levar a que sexan eses mesmos profesionais os que as leven a cabo". A consecuencia é que "isto xera conflitos de interese e corruptelas". Dentro do manisfesto apúntase que "moitos estudos confirman as grandes diferencias observadas na indicación de probas como TAC, RMN ou intervencións. Os hospitais privados realizan máis intervencións deste tipo xa que producen beneficio económico". Os estudos indicacos son das Axencias de Avaliación das Tecnoloxías do Sistema de Saúde e Atlas VPM de Variacións na Práctica Médica.

Concentración dos traballadores do SERGAS na Coruña contra os recortes en Sanidade
Concentración dos traballadores do SERGAS na Coruña contra os recortes en Sanidade

A AGDSP considera que estas actuacións  poderían  ser especialmente graves na detección de pacientes para doazón de órganos e tecidos. Así "os códigos éticos e as recomendacións internacionais advirten da necesidade de non mesturar esta actividade co comercio". No mesmo documento lembran que "a Xunta separou a xestión da doazón de sangue e transplantes do Sergas e a encomendou a unha Axencia con un modelo de xestión privada", o que pode reducir os controis e incrementar os conflitos de interese nas súas relacións cos e centros privados (San Rafael, Grupo Quirón, FRIAT) axudicatarios destes servizos.

"FORTALECER OS HOSPITAIS PRIVADOS"

Suprimir a dedicación exclusiva, segundo a Asociación, "forma parte dunha estratexia dirixida a beneficiar e fortalecer ao hospitais privados moitos están sendo comprados por multinacionais como Quiron-Fresenius ou HM-Hospitales", que  complementarían as medidas adoitadas recentemente por Núñez Feijóo. Entre outras destacan a Lei de Garantías de Tempos Máximos de Espera,  aprobada a finais de 2017  "é unha lei tramposa: debería defender un dereito dos cidadáns pero realmente está deseñada para garantir a derivación aos hospitais privados dos  pacientes con máis de 60 días en listas de espera de cirurxía ou 45 no caso de consultas e probas diagnosticas".

Ouro punto da estratexia sería "o Acordo  Marco, para que mediante un Contrato de Servizos, as empresas adxudicatarias presten asistencia a pacientes da Seguridade Social no EOXI da Coruña". Este acordo "compromete preto de cen millóns de euros para os próximos catro anos e representa un cambio radical no modelo de concertación cos centros privados para realizar todo tipo de consultas", ademais de  "intervencións cirúrxicas, probas diagnosticas, rehabilitación, doazón de sangue e órganos,  rehabilitación e hemodiálise", e que permitirá "aos hospitais privados planificar os seus recursos e actividades a medio e longo prazo  ao ter garantidos ingresos e pacientes".

O acordo permite ademais ao persoal sanitario do CHUAC traballar nos centros adxudicatarios, mesmo en horario de mañá, incumprindo a lei de incompatibilidades, segundo reza o manifesto. Isto permitiría  aos centros privados aforrar no capitulo de persoal o máis gravoso para calquera empresa. "Esta mestura inadmisible de persoal de diferentes dependencias nos centros concertados,  permitira  incrementar a súa influencia sobre os procesos derivados e reducir  persoal, dado que boa parte da actividade será realizada por profesionais públicos".

OUTROS PROBLEMAS

A dobre dedicación precisan "conculcaría a “Lei de Protección de Datos” xa que pode permitir ao centro privado dispoñer de datos administrativos do Sergas e dos datos sanitarios dos pacientes". A eses datos non poderían ter acceso "de existir unha clara separación público-privada". "Estes datos de alta sensibilidade están a disposición dos profesionais do Sergas na súa condición de empregados públicos", e apunta que "especialmente dos xefes de Servizo con dobre dedicación, que teñen acceso libre a toda a documentación do seu servizo e  das listas de espera".

A dobre dedicación do persoal medico do sistema público reduciría  a posibilidade de traballo dos novos profesionais, que "ademais dos recortes de prazas perpetrado pola Xunta nos últimos anos (1.540 desde o 2009)  terían unha menor oferta de traballo  nos centros públicos e privados" que estarían ocupadas pola mesmas persoas. Segundo os datos dos Colexios de Médicos en 2017 emigraron 217 novos/as facultativos/as e 157 no 2016.

Esta medida xeraría aínda máis desigualdades e enfrontamentos  entre os traballadores dos centros sanitarios, "dado que  a dobre dedicación favorece soamente a unha parte do persoal facultativo, que se beneficiaría de boa parte dos próximos  incrementos do capítulo I", mentres que non beneficia á maioría dos médicos nin ao persoal de enfermaría ou de apoio, o que ""repercutiría negativamente sobre o traballo en equipo  e o clima laboral". Acabaría cun dos poucos incentivos profesionais. O complemento de dedicación exclusiva pon en valor e premia a dedicación e o compromiso do profesional co sistema sanitario  público.

A supresión da dedicación exclusiva "vulneraría de forma flagrante a Lei 53/1984 sobre Incompatibilidades do Persoal ao Servizo das Administracións Públicas" din. Pois esta lei de rango orgánico, ten como principio fundamental a dedicación do persoal ao servizo das Administracións Públicas a un só posto de traballo", sen máis excepcións que as especificadas na propia lei, que non poden impedir ou menoscabar o estrito cumprimento dos seus deberes ou comprometer a súa imparcialidade ou independencia. O persoal comprendido no ámbito de aplicación desta Lei "non pode compatibilizar as súas actividades co desempeño, por si ou mediante substitución, dun segundo posto de traballo", cargo ou actividade no sector público, entendéndose comprendidas as entidades colaboradoras e as concertadas na prestación sanitaria.

Para finalizar, o manifesto apunta que: "Resulta inaceptable o apoio dalgúns Colexios de Médicos a este colectivo que goza dunha saneada situación laboral, mentres que algúns profesionais tiveron que emigrar, e outros están en paro ou traballan en condicións de gran precariedade. Os Colexios deben representar a todo o colectivo e protexer o dereito a unha boa sanidade pública para toda a cidadanía. O seu papel non é defender a situación privilexiada duns poucos.

A AGDSP non só está en contra da supresión da Lei de Incompatibilidades senón que considera necesaria a obrigatoriedade da dedicación exclusiva de todo o persoal que traballe no sistema Sanitario Público de Galicia. Esiximos que a Xunta cumpra a lei, impedindo que os profesionais do Sergas traballen nos centros concertados,  comezando sen mais demora polos xefes de Servizo, que deben elixir xa entre dúas actividades incompatibles e lesivas para o Servizo Galego de Saúde, os seus profesionais e os seus pacientes".

Edificio do Sergas
Edificio do Sergas | Fonte: xunta.gal
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta